A CIG en Ferroatlántica pídelle ao PP que clarifique que modelo económico quere para a Costa da Morte

Lamenta o voto en contra "inxustificábel e irresponsábel" do PP á moción aprobada no Pleno de Cee
Cee - 28 Xan 2019

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría- Centrais Hidroeléctricas agradece o apoio amosado pola maioría do Pleno do Concello de Cee, que o pasado venres aprobou unha moción en solidariedade cos traballadores/as e contra das intencións da empresa de pechar unidades produtivas e aplicar un ERE. Aínda que o texto saíu adiante cos votos a favor do BNG -promotor da moción-, Independentes, PSOE e unha concelleira non adscrita, dende a central sindical critícase a posición do PP, que votou en contra. Unha actuación que cualifican de "totalmente inxustificábel e irresponsábel, xa que alenta a empresa a que siga explotando os nosos recursos naturais sen que os beneficios revertan na comarca".

A este respecto lembran que a decisión da empresa de parar dous fornos e desviar a produción a outras fábricas do grupo en Europa e o Estado español, supón "un intento claro de deslocalizar a produción, a través do que Ferroatlántica pretende crear as condicións para xustificar a aplicación dun ERE". Ademais, subliña a sección sindical da CIG, esta actuación incumpre as condicións concesionais das centrais hidroeléctricas "que teñen que servir para manter a viabilidade das fábricas".

Neste senso, denuncian que FerroGlobe está subministrando con produción feita noutras plantas a clientes das fábricas da Costa da Morte, "cando esa carga de traballo se podía estar realizando aquí". Ante esta realidade, instan a dirección de empresa de Cee para que actúe e que non permaneza impasíbel "ante as medidas tan agresivas que Madrid está a tomar contra as nosas fábricas".

Incumprimento das condicións da concesión

De igual xeito, reclámanlle ao PP que clarifique e explique a súa posición contraria á moción aprobada polo Pleno, "pois é un partido con responsabilidade de Goberno na Xunta de Galiza e polo tanto ten que velar polo cumprimento das condicións da concesión como garantía da viabilidade das fábricas e dos empregos". Dende a sección sindical piden tamén ao PP que aclare cal é o modelo económico que quere para a comarca e, nomeadamente, para o concello de Cee: "ou aposta por un modelo de xeración de emprego na única zona portuaria industrial da Costa da Morte (cun enorme potencial para a situación de novas industrias), ou opta por un modelo especulativo que non xera emprego".

De feito, a decisión de parar os fornos e desviar a produción xa ten consecuencias directas e negativas no emprego tanto entre o persoal das empresas auxiliares, que dende o 1 de xaneiro está cesado da actividade e despedido, como entre os/as traballadores/as eventuais que este ano, con toda probabilidade, non serán chamados para cubrir a parada e as rotacións e redistribución de xornada do persoal fixo.

Nesta liña, para a sección sindical da CIG tamén debería dar explicacións a todo o cadro de persoal aquela parte do comité coa que presuntamente mantivo reunións o PP e cuxo contido levou a cambiar o voto favorábel anunciado previamente en Comisión de Goberno.

"Dende a CIG, de non mudar esta situación, ao igual que fixemos coa farsa do referendo (dándonos a razón a Inspección de Traballo), estudaremos as acción legais correspondentes para impedir a usurpación e manipulación interesada que algúns membros do comité fan do órgano de representación dos traballadores/as e que o noso entender atenta contra a liberdade sindical", afirman.