A sección sindical da CIG en Política Social demanda o cese do director xeral de Maiores

Denuncian a “errática e serodia” toma de medidas preventivas para evitar contaxios de covid en residencias e centros de día

Nacional -

A sección sindical da CIG na consellaría de Política Social vén de remitir un escrito ao Presidente da Xunta de Galiza denunciando a “actuación errática e serodia en canto á toma de medidas preventivas para evitar a propagación da pandemia do coronavirus COVID-19 nas residencias de maiores e centros de día”. Ao seu entender a responsabilidade desta situación é da Dirección Xeral de Maiores. Por iso demandan o cese inmediato do director xeral e exixen que se adopten toda unha serie de medidas para frear a evolución dos brotes que se están a dar nas Residencias de Maiores.

Lembran que nos últimos meses púidose constatar esta “incapacidade e falta de dilixencia” polo elevado número de contaxios entre residentes e persoal das Residencias de Maiores, que “foron un dos focos con maior número de exitus” por causa do covid-19.

Denuncian ademais que o propio Director Xeral de Maiores e Persoas con discapacidade da Xunta de Galiza, Ildefonso de la Campa Montenegro “mesmo chega a pór en dúbida, publicamente, a realización de probas PCR, para o persoal que se incorpore das vacacións ou de nova contratación”. Unha actuación que consideran “impropia” do máximo responsábel da atención ás persoas maiores nos centros de Política Social “nun intento de deslexitimar unha norma acordada polo Estado e as Comunidades Autónomas, para ocultar a súa incapacidade e mala xestión”.

Por iso conclúen que o Director Xeral “non é unha persoa cun cargo público, competente e capacitada para xestionar os recursos e medios do departamento para o que foi nomeado”.

Medidas a adoptar

A seccións sindical da CIG propón, entre outras medidas a adoptar a dotación de persoal de atención directa, cumprindo todas a ratios fixadas pola lexislación vixente, coa cobertura ao cen por cen, de baixas, vacacións e calquera tipo de ausencia legal do persoal de atención directa que se produza. Isto xunto coa Inspección e vixilancia do cumprimento destas ratios nas Residencia de Maiores Privadas.

Demandan tamén reforzo e incremento de persoal das categorías de enfermeiros/as, auxiliares de enfermería e persoal de limpeza para os Centros de Día e Residencias de Maiores, incluídos os centros do consorcio.

Ademais solicita a comprobación, polos medios de Inspección e  Vixilancia de Política Social, do cumprimento dos protocolos de actuación para a prevención e control de transmisión do coronavirus covid-19, a fin de evitar a infección e contaxio de residentes e persoal. Nomeadamente a obriga de facer probas PCR ao persoal de nova incorporación e ao que regrese dos seus períodos vacacionais, tanto nas residencias públicas como privadas.

Xunto a isto, piden a supresión temporal do réxime de visitas familiares nas residencias de maiores, coa fin de conter e mitigar a tendencia crecente de rebrotes da pandemia porque consideran que “é un factor de risco de expansión do coronavirus que é necesario evitar en atención á especial protección que se debe prestar ás persoas residentes dos centros de maiores”.

Volver