A sección sindical da CIG en XEAL denuncia a empresa por graves incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral
A sección sindical en XEAL vén de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social por graves incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais tras a produción de varios accidentes de especial gravidade. A presentación da denuncia formúlase por producirse accidentes laborais graves, un deles que supuxo un risco vital evidente por imposibilidade de escape inmediata.
A representación sindical considera que estes feitos non son episodios illados, senón consecuencia directa dunha política empresarial baseada na redución de persoal, na sobrecarga de tarefas e na falta de planificación preventiva eficaz.
A sección sindical da CIG denuncia tamén que a empresa estaría intentando minimizar ou ocultar a gravidade dos accidentes producidos, ao tempo que dificulta o labor do delegado de prevención para exercer as súas funcións legais. Neste sentido, foi remitida comunicación empresarial cuestionando o uso do seu crédito horario por asistir a medicións de tempos relacionadas coa carga real de traballo, o que se interpreta como unha presión disuasoria incompatíbel coa liberdade sindical e co exercicio das funcións preventivas.
Desde a sección sindical afírmase que esta forma de actuar evidencia o que reiteradamente se vén denunciando: a existencia dunha profunda contradición entre a imaxe pública que proxecta XEAL e a realidade interna da fábrica. Mentres a empresa desenvolve unha intensa campaña de propaganda institucional, na práctica estaría a antepoñer o rendemento económico á saúde e á seguridade das persoas traballadoras.
A redución drástica do cadro de persoal, segundo se expón na denuncia, está a xerar unha situación de risco evidente nunha industria que, pola súa propia natureza, presenta condicións de especial perigosidade, penosidade e toxicidade. A sección sindical lembra que resulta dificilmente sostíbel negar estas condicións nunha actividade con manipulación de metal fundido, exposición a fumes industriais e elevados esforzos físicos, cuestión que actualmente está a ser obxecto de análise por parte da Inspección de Traballo.
A representación dos traballadores e traballadoras solicita unha actuación inspectora urxente, a avaliación da existencia de risco grave e inminente e a adopción das medidas correctoras necesarias para garantir a seguridade e a saúde do persoal.
“A vida e a integridade das persoas traballadoras non poden estar supeditadas aos obxectivos de produción”, conclúe a sección sindical.