A sección sindical da CIG en XEAL denuncia a paralización da negociación colectiva e a actitude irresponsábel da dirección
O comité de empresa de XEAL quere denunciar publicamente a situación de bloqueo absoluto na negociación do convenio colectivo, despois de que na última reunión a dirección volvese presentar unha proposta totalmente insuficiente e inasumíbel para o cadro de persoal.
A empresa continúa negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión ligadas ao IPC, sen incorporar tampouco mecanismos reais de recuperación salarial tras anos de perda acumulada. Esta postura consolida unha situación de empobrecemento progresivo das persoas traballadoras, que levan máis dunha década asumindo sacrificios mentres a empresa incrementa os seus beneficios.
Ademais, a nova proposta introduce elementos claramente discriminatorios, ao non garantir que a recuperación do poder adquisitivo sexa para todo o persoal en igualdade de condicións. “A recuperación salarial ten que ser para todas as persoas traballadoras, sen excepcións nin divisións artificiais dentro do cadro de persoal”, asevera a sección sindical da CIG. Do mesmo xeito, engaden, a valoración dos postos de traballo “debe abordarse de maneira integral e equitativa, e non empregarse como ferramenta para xerar desigualdades internas”.
A dirección insiste en manter os recortes
Critican que lonxe de avanzar, a dirección insiste en manter recortes en condicións laborais que xa foron impostos en etapas anteriores baixo o pretexto de condicións adversas que non existen. “Resulta inaceptábel que se pretenda consolidar esa situación que é irreal da empresa é radicalmente distinta”, rexeitan.
Nos últimos tres anos perdéronse 84 postos de traballo en XEAL, reducíronse salarios en termos reais e deterioráronse condicións laborais. Ao mesmo tempo, a empresa recibiu máis de 30 millóns de euros en subvencións públicas e declarou beneficios medios anuais 20 millóns de euros. “Este é o gran paradoxo: mentres o persoal perde emprego e dereitos, a empresa acumula beneficios millonarios e recibe importantes axudas das administracións”.
Espolio dos recursos naturais
A sección sindical da CIG considera especialmente grave o papel da Xunta de Galiza, que está a permitir esta situación de discriminación cara ás persoas traballadoras e cara á comarca. Lamentan que a Xunta “non só non exerce un control efectivo para garantir que os recursos públicos e as concesións hidroeléctricas revertan en emprego e actividade industrial, senón que ademais pretende outorgar novas concesións sen vinculalas expresamente ao mantemento da actividade produtiva e á creación de emprego”.
A representación da CIG incide en que os recursos naturais da Costa da Morte non poden converterse nun simple negocio especulativo desligado do interese social, xa que as concesións no dominio público hidráulico deben estar condicionadas ao cumprimento estrito do mantemento do emprego e da actividade industrial, tal e como historicamente se estableceu.
Por todo isto, a sección sindical da CIG en XEAL exixe á dirección que abandone a súa actitude inmobilista, retire as propostas regresivas e presente unha oferta que garanta:
- A recuperación real do poder adquisitivo para todo o persoal.
- Cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC.
- A eliminación dos recortes en condicións laborais.
- Un compromiso claro co mantemento e recuperación do emprego destruído.
Do mesmo xeito, "reclamamos á Xunta que deixe de mirar para outro lado e actúe con responsabilidade política e institucional, defendendo o interese público, o emprego industrial e o futuro da comarca. O persoal de XEAL non pode seguir pagando coa súa precarización os beneficios empresariais nin a pasividade da Administración", conclúen.