A sección sindical da CIG no Concello de Vigo rexistrou unha solicitude á Alcaldía para que se repare ao persoal funcionario desta administración municipal que foi represaliado polo franquismo durante a guerra civil. Lembran que cada ano, en agosto, o Concello realiza unha homenaxe no Cemiterio de Pereiró aos políticos e sindicalistas vigueses asasinados polos fascistas e, con esta petición, quérese estender esta homenaxe tamén ás persoas servidoras públicas que sufriron as represalias do franquismo.
Lembran que tras do golpe de estado do 1936 instaurouse o franquismo en toda a provincia de Pontevedra levando a cabo unha depuración do colectivo de persoal funcionario nas administracións públicas. A depuración máis numerosa de Pontevedra tivo lugar no Concello de Vigo “xa que dun total de 895 funcionarios e funcionarias foron sancionados 226, é dicir, unha cuarta parte do cadro de persoal”.
Do total de persoas sancionadas, un 71% sufriron a separación definitiva. Algúns departamentos do concello como o de Policía, os corpos de limpeza e arbitrios e os servizos de augas e sumaron un total de 160 persoas depuradas, máis do 70% do total. Foron purgados dende o secretario xeral, xefes de seccións, inspectores, porteiros, lavandeiras, bombeiros, persoal administrativo, varredores, encargados, aprendices, oficiais, peóns, policías, vixiantes, choferes, mestras, cabos, palafreneiros, etc.
Toda esta información, salienta a sección sindical, foi recollida polo historiador galego Lucio Martínez Pereda e publicada no boletín nº 14 de Glaucopis do Instituto de Estudos Vigueses no ano 2009. “É de xustiza que a estas 226 compañeiras e compañeiros que sufriron a represión fascista teñan un recoñecemento polo Concello de Vigo polos servizos prestados e pola inxusta situación pola que pasaron”, asevera a sección sindical.
Por isto, a representación da CIG solicita que se convoque un Pleno extraordinario e se acorde:
- Repudiar e condenar a usurpación do poder local pola ditadura franquista no Concello de Vigo.
- Declarar nulos e revogar todos os acordos plenarios e resolucións que se ditaran no seu día para depurar por cuestións ideolóxicas a empregados e empregadas municipais.
- Considerar vítimas para os efectos da Lei de Memoria Histórica ás persoas que desempeñaron empregos públicos no Concello de Vigo e foron depuradas ou represaliadas como consecuencia do golpe militar do 1936 e da ditadura franquista.
- Solicitar ao Estado a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal das vítimas do golpe militar e da ditadura franquista que desempeñaron algún posto no Concello de Vigo.
De igual maneira, fan un chamamento á cidadanía para localizar as familias do persoal que sufriu esta purga para ofrecerlles información e reparación; investigar na documento do Arquivo Municipal se durante a ditadura franquista houbo máis persoas funcionarias represaliadas; e realizar un acto público de recoñecemento e reparación.