A FCM-CIG reclama transparencia ante o anuncio de Dragados de pechar a última delegación en Galiza

Lamenta a pasividade do comité ante a falta de información
A Coruña - 12 Xul 2021

A construtora Dragados, do grupo ACS, anunciou o peche da súa delegación na cidade da Coruña, decisión que se está producindo sen ningunha transparencia, provocando a total incerteza nun cadro de persoal que ronda o cento de persoas.

A empresa non informou dos motivos nin das consecuencias que esta decisión ten para o conxunto do persoal, nin consta que iniciase ningún tipo de contacto ou negociacións co seu comité de empresa, integrado por 3 membros de UGT, 1 de CCOO e 1 de CSIF, que parece que leva inactivo desde as pasadas eleccións sindicais, celebradas en xaneiro de 2020.

A sección sindical da CIG demanda a continuidade de todos os postos de traballo e esixe unha solución xusta para o futuro deste persoal, que conta con moita antigüidade e -en moitos casos- ten unha idade que lle dificulta poderse recolocar no sector.

Neste senso, o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, esixe transparencia absoluta sobre esta decisión empresarial "da que semanas despois nada ou case nada se sabe aínda, e máis cando xa nos consta que se están producindo saídas de persoal cara a outras empresas e centros de traballo do grupo, ao parecer mediante acordos individuais". Así mesmo, a central demanda coñecer os plans desta empresa para os seus activos na Galiza (pois Dragados participa en multitude de obras e contratas públicas) e que ten previsto facer co seu persoal, "que descoñece se este peche da súa última localización galega supón tamén o cese das súas operacións na Galiza, ou se pretenden seguir desenvolvendo a súa actividade deslocando a súa sede a outras".

A FCM-CIG lembra que Dragados foi tradicionalmente unha das principais construtoras da Galiza en volume de actividade e facturación, até a súa adquisición en 2002 polo grupo ACS de Florentino Pérez.