Trasladan á Fiscalía o uso irregular das comisións de servizo no Concello da Coruña

A sección sindical da CIG xa presentara denuncia no contencioso-administrativo
A Coruña - 08 Xun 2018

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña puxo en coñecemento da Fiscalía provincial a situación que se está a dar nesta administración municipal a respecto da utilización fraudulenta do sistema de comisión de servizos para a provisión dalgúns postos de traballo.

A representación sindical explica que se ben o uso da figura da comisión de servizos para a cobertura das vacantes non é algo novo no Concello, "o certo é que este Goberno estao levando ao extremo, convertendo algo que debería de responder a motivos de urxencia e necesidade en algo habitual".

Apuntan que nalgúns casos mesmo se está a vulnerar a legalidade vixente por superar o prazo máximo estabelecido de dous anos. "Este feito non se realiza de xeito inconsciente, pois nalgúns casos comunícase a fin da comisión de servizo por superar o tempo máximo, mentres que noutros casos se lle comunica a persoa o cese para volver nomeala ao día seguinte no mesmo posto e na mesma condición de comisión de servizo", explica o secretario da Sección Sindical, José María Calatayud, no escrito entregado á Fiscalía. Ao seu entender esta actuación supón "unha evidente fraude de lei" para obviar o prazo máximo de permanencia permitido.

Dende a sección sindical lamentan que, lonxe de solucionar a situación herdada de gobernos anteriores no relativo a que os postos de traballo estean cubertos polas persoas titulares, "o actual goberno municipal incrementou estas situacións, nalgúns casos mesmo disfrazándoos de procedementos obxectivos".

Denuncia no contencioso-administrativo

A Sección Sindical da CIG instou o Goberno municipal, "dende practicamente a súa toma de posesión", para que convocaran os concursos e regularizaran á adscrición dos empregados e empregadas municipais aos diferentes postos de traballo. "Pero as nosas advertencias non serviron para", censura. Neste senso, hai que lembrar que a CIG xa presentou denuncia no xulgado do contencioso-administrativo polo uso irregular das comisións de servizos.

Calatayud sinala que nestes momentos hai sobre 200 comisións de servizo que representan aproximadamente o 14% do cadro de persoal municipal, composto por unhas 1.500 traballadoras e traballadores. Desas comisións de servizos, arredor de 150 (o 75%) están nunha situación de irregularidade, ao superaren os dous anos máximos que permite a lei para este tipo de provisión de postos.