A CIG da Autoridade Portuaria de Vigo denuncia a “privatización inminente” de todo o peirao transversal

A sección sindical reclama a dimisión do representante de CCOO no consello de administración
Vigo - 04 Dec 2019

A sección sindical da CIG na Autoridade Portuaria de Vigo (APV) denuncia que o ente estatal publicou “con nocturnidade e aleivosía” o pasado venres 26 de novembro as bases dun concurso para outorgar en réxime de concesión administrativa a práctica totalidade do peirao transversal, o que na practica supón a súa privatización. Dende a central reclaman a dimisión do “ilexítimo representante” de CCOO no consello de administración da APV, “que non trasladou a orde do día na que se incluía dito punto, polo que o comité de empresa non puido mostrar a súa desconformidade”.

A decisión afectará a un total de 49.000 m2 de superficie do peirao transversal, isto é, a práctica totalidade do peirao a excepción da zona de manobra necesaria para o atraque de buques. Segundo indican dende a CIG, este proceso de “privatización inminente” terá tamén consecuencias en diferentes servizos da propia Autoridade Portuaria. 

Dende a central alertan que a privatización terá consecuencias en diferentes servizos da propia APV

Xa que, segundo sinalan, nas bases do concurso especifícase a prestación de servizos como, entre outros, o subministro de auga e enerxía eléctrica aos buques que operen na nova terminal; servizos contra incendios e de vixilancia e seguridade (sempre que non supoña exercicio da autoridade); e calquera outro servizo ofertado pola concesionaria que previamente sexa aceptado pola APV.

“Coma non podía ser doutra forma, o ilexítimo representante de CCOO -xa que o seu posto no no consello de administración correspóndelle á CIG como central maioritaria no comité de empresa- non trasladou a orde do día do consello de administración na que se incluía dito punto, polo que o comité de empresa non puido nin sequera mostrar a súa desconformidade coas intencións da APV”, critican. Neste senso, supoñen que a propia sección sindical CCOO na APV “tampouco tiña coñecemento, porque do contrario significa que está a favor desta concesión”.

Esixen a súa dimisión

Así, entenden que o “ilexítimo representante” do consello de administración da APV está a ser “cómplice e parte consentinte” da privatización de moitos servizos públicos, “polo que toda a loita que se quere facer dende esta sección sindical estase a ver bombardeada por actuacións coma esta”.

Por todo isto, esixen una vez máis a súa inmediata dimisión do consello de administración, e solicítanlle á sección sindical CCOO na APV que se sume a esta petición ou que explique dunha vez por todas se defende os servizos públicos e se está a favor do incremento dos cadros de persoal e da transparencia, “ou polo contrario se está en contra, ao igual que o ilexítimo representante do consello de administración”.