A CIG denuncia o fomento da mercantilización do corpo das mulleres na axenda para estudantes da USC

Leva publicidade dunha clínica privada que anima a doar óvulos
- 07 Nov 2017

Na axenda para estudantes da USC do ano 2017 aparece unha publicidade da Unidade de Reprodución Asistida do Rosaleda, na que aparece unha muller vestida de super heroína e o lema “Tes un superpoder, axudar a outra muller a ser nai. Úsao, doa os teus óvulos”. Baixo o eufemismo da doazón agóchase a discriminación de xénero, dado que non é o mesmo doar esperma que doar óvulos, e tamén unha discriminación de clase, xa que a meirande parte de mulleres que aceptan o procedemento fano por motivos económicos.

E non é casual que se faga a publicidade nunha axenda universitaria, xa que é un estupendo nicho de mercado para a industria da biotecnoloxía, máis co incremento dos prezos das matrículas universitarias e os custes derivados do curso escolar.

Non debemos esquecer que o Estado español é un dos destinos preferidos para miles de mulleres europeas (por diante de outros como Creta, Kiev, Eslovenia, Romanía e incluso India) que demandan técnicas de reprodución asistida prohibidas ou difíciles de obter nos seus países.

O Estado español é un dos destinos preferidos para miles de mulleres europeas que demandan técnicas de reprodución asistida prohibidas ou difíciles de obter nos seus países

Tampouco é casualidade que se centre a publicidade en aspectos tan simbólicos como a xenerosidade, sinalando as doantes como mulleres que van facer posíbel a outras mulleres seren nais, un tipo de altruísmo que non se apela no caso dos homes.

Certo é que estamos a falar de procedementos ben diferentes en canto as consecuencias das intervencións. Mentres que no caso do esperma os homes non precisan someterse a ningún tipo de tratamento, no caso dos óvulos a doante ten que someterse a varias probas invasivas e mesmo dolorosas, para as cales non soen administrar anestesia, tan só analxesia posterior.

Sométese á muller a unha hiperestimulación ovárica mediante un tratamento hormonal (que pode provocar innumerábeis efectos secundarios como náuseas, vertixe, quistes ováricos, problemas de visión, etc.) que terá que administrarse diariamente a través de inxeccións, someténdose a un férreo control médico durante todo o proceso (ecografías, análises de sangue, etc) e que finalizará coa extracción dos óvulos inserindo unha agulla aspiradora pola vaxina até extraer o óvulo mediante unha punción no ovario.

Para este procedemento si se aplica anestesia, co consecuente risco para a doante. En definitiva, non é un proceso inocuo para a muller. E ademais dos riscos do presente, pode supor nun futuro unha redución da vida fértil da muller ou provocarlle unha menopausia precoz.

A doazón de óvulos está prohibida en países da Unión Europea como Alemaña, Austria, Suíza ou Italia,  e é considerada un procedemento perigoso para a saúde das doantes en Dinamarca e Suecia, onde só se permite empregar gametos sobrantes de pacientes que se sometan a unha fecundación in vitro por necesidades propias.

Desde a CIG unímonos ás voces críticas como a de Inma Alonso, quen interveu na sesión do xoves do Claustro Universitario da USC en representación do colectivo estudantil Erguer- Estudantes da Galiza,  denunciando que nunha universidade pública se fomente publicidade relacionada coa mercantilización dos corpos das mulleres.