A secretaría das Mulleres da CIG reclama os cambios normativos necesarios para garantir os dereitos das familias monomarentais

Exixe que a lei de familias comece a súa tramitación e “corrixa o baleiro” no sistema lexislativo actual
Nacional - 22 Mar 2023

Unha recente sentenza ditada polo Tribunal Supremo rexeita a posibilidade de que nas familias dunha única persoa proxenitora se poida facer uso do dobre permiso por nacemento, o de maternidade e o de paternidade.Trátase dun fallo que anula unha sentenza favorábel do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, obtida por unha nai e recorrida pola fiscalía. Ante isto, a secretaría das Mulleres da CIG reclama que se axilicen os cambios normativos necesarios para garantir os dereitos das familias monomarentais.

A Secretaría das Mulleres da CIG lembra que en Galiza o xulgado número 1 de Vigo, o número 3 de Ourense en 2020 e o número 2 da Coruña, en 2022, baseáronse na Convención sobre os Dereitos das Crianzas para ditaren sentenzas  favorábeis. Así mesmo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ten ditadas múltiples sentenzas recoñecendo este dereito, a fin de garantir que as crianzas nacidas en familias cunha soa persoa proxenitora gocen do mesmo tempo de coidados que as crianzas de familias con dúas persoas proxenitoras.

Subliña que a sentenza do Tribunal Supremo senta xurisprudencia, de forma que se imposibilitan outras sentenzas que recoñezan este dereito. Así mesmo, afirma, “créase un grave prexuízo ás familias que obtiveran sentenza favorábel e se encontren agora en fase de reclamación do recoñecemento ante a Seguridade Social”.

Dificultades de conciliación das familias monomarentais

Salienta que na Galiza son familias cunha soa persoa proxenitora unha de cada dez e que entorno ao 80% das mesmas son familias monomarentais, é dicir, “son as mulleres e as súas crianzas as que principalmente son prexudicadas co actual sistema de goce destes permisos, mediante o cal se lle recoñece o dereito só a 16 semanas de suspensión”.

Tendo isto en conta matiza que “xustamente son as familias monomarentais as que máis dificultades de conciliación teñen, ao non existiren dúas persoas para compartir o coidado, véndose na obriga, en demasiadas ocasións, de ter que recorrer a reducións de xornada ou excedencia, diminuíndo os seus ingresos de xeito importante e afondando noutro problema que especialmente afecta ás mulleres deste tipo de familias, o risco de exclusión social”.

 

Desde a CIG, conscientes deste problema, “reclamamos que se activen canto antes as mudanzas normativas precisas para darlles ás crianzas nacidas nas familias cunha soa persoa proxenitora o mesmo dereito que ao resto, podendo gozar estas nais de dous permisos”, explica.

Alén desta reforma, reclama reforzar “medidas de conciliación que garantan que por conciliar non exista un detrimento directo de ingresos”, así como “reforzar as medidas específicas para as familias monomarentais”.

A secretaría das Mulleres conclúe que “levamos meses sendo expectadoras nun novo circo mediático ante a promesa do actual goberno español dunha nova lei de familias para reforzar os dereitos de conciliación”. Unha lei que, por outra parte, “non contempla na versión actual do anteproxecto este dereito de goce dobre dos permisos por nacemento”, afirma.

Por iso, exixe que a lei de familias comece a súa tramitación e “corrixa o baleiro” no sistema lexislativo actual na equiparación de dereitos para as familias monomarentais e monoparentais. “Non queremos máis anuncios nin promesas, queremos dereitos reais xa”.