A segunda xornada de folga no sector de xustiza de Galiza rexistra un seguimento do 90%

O persoal responde con mobilización á falta de vontade negociadora da Consellaría
Nacional - 13 Dec 2017

As traballadoras e traballadores da Administración de xustiza responderon á falta de vontade negociadora da Xunta secundando masivamente a segunda xornada de folga convocada no sector, que este mércores rexistra unha participación no conxunto do país do 90%.  Dende CIG-Xustiza manifestaron a satisfacción polo apoio logrado, que provocou que numerosos xulgados e servizos estean pechados e outros moitos funcionen só cos servizos mínimos.

A maior porcentaxe de seguimento rexistrouse na cidade de Pontevedra, cun 95%, mentres que na Coruña e Ourense foi do 93% e do 92% en Vigo. En Lugo e Ferrol o paro acadou o 85% e en Compostela o seguimento foi do 80%. O responsábel de CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez, salientou tamén a alta participación rexistrada nas vilas, a pesar da menor dotación de persoal que teñen estes órganos e dos elevados servizos mínimos impostos.

Así mesmo, valorou moi positivamente a participación das traballadoras e traballadores nas manifestacións e concentracións que hoxe tiveron lugar nas sete cidades baixo a consigna "Non á discriminación laboral na xustiza galega".

Sen avances na negociación

Sánchez explicou que a pesar das dúas exitosas xornadas de folga, até o momento non se produciron avances nas negociacións coa Consellaría de Xustiza. Neste senso, criticou a actitude do Director Xeral de Xustiza quen na xuntanza mantida no día de onte coa representación sindical chegou a aseverar que "non me dá a gana de presentar ningún documento porque non desconvocades a folga".

Para Xesús Sánchez resulta demostrativo da falta de vontade negociadora da Consellaría, o feito de agardar a véspera da folga para convocar a representación social a unha reunión "na que non ofrecen ningunha proposta concreta que nos permita avanzar e moito menos chegar a un acordo". Unha actitude que contrasta coas constantes afirmacións que o conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, fai na prensa defendendo a súa presunta disposición ao diálogo.

A este respecto, o sindicalista acusou a Rueda de incumprir o acordo parlamentario do 5 de decembro ao non realizar ningunha oferta ao comité de folga e ao non garantir melloras nas condicións laborais do persoal. O responsábel de CIG-Xustiza denunciou que mentres o PP utiliza a súa maioría absoluta para subir as nóminas dos altos cargos por segundo ano consecutivo, mantén os recortes no complemento autonómico transitorio que percibe o persoal de xustiza galego (o segundo que menos cobra do conxunto do Estado), así como os descontos por enfermidade.

Ademais, na xustiza de Galiza permitirse que nun mesmo centro de traballo coexistan persoas ocupando o mesmo tipo de posto e desenvolvendo as mesmas funcións pero cobrando distinto.

Xunto a isto, Xesús Sánchez apuntou que nos últimos anos, mentres os expedientes aumentaban, reduciuse persoal e non se crearon novos Xulgados. Por iso, outra das reivindicacións da representación social refírese á inclusión de todas as prazas de reforzo de máis de tres anos, a retirada inmediata do plan de modificación dos cadros de persoal do ano 2012 e o estabelecemento dun plan de recuperación do emprego.

Novas xornadas de folga

Fronte a esta actitude de prepotencia e falta de diálogo, a resposta das traballadoras e dos traballadores foi contundente e clara: secundar masivamente a folga, superando as cifras rexistradas no paro do 1 de decembro e producindo a suspensión da meirande parte dos xuízos sinalados para este mércores. De non producírense avances nas próximas semanas, as organizacións sindicais convocarán novas xornadas de folga no mes de xaneiro e paro indefinido na xustiza a partir de febreiro.