A sentenza contra Pintos confirma que o obxectivo do proceso era reprimir e criminalizar a loita obreira

Ferrol -

A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña contra Xesús Anxo López Pintos confirma que, dende o inicio, o obxectivo deste proceso foi reprimir e criminalizar a mobilización social. A CIG non comparte nin o razoamento nin o fallo da sentenza, que condena o ex secretario comarcal de Ferrol a unha pena de seis meses de cárcere por un delito de atentado á autoridade, pola súa participación nunha protesta do persoal de Poligal e do naval en 2012.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas (tal e como quedou acreditado nas probas presentadas) como despois, mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría”. 

Resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía

Lamenta que mentres se condena a Pintos por delito de atentado “queden na máis absoluta impunidade os feitos protagonizados polo policía e non se investigue a denuncia por torturas na comisaría presentada por Pintos. Isto parécenos unha auténtica aberración nun estado de dereito”.

A CIG estudará agora todos os recursos legais en demanda de xustiza para o compañeiro e evitar que teña que entrar no cárcere. E convocará as mobilizacións que considere necesarias porque “aquí non se condena a Pintos como persoa individual, senón que se busca perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as nosas condicións laborais e de vida”.

Nesta perspectiva, e cando xa se anuncia unha nova recesión, a CIG reclama do futuro goberno do Estado que derrogue de inmediato a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, por seren dous mecanismos aos que o poder recorre para controlar, disuadir, criminalizar e reprimir a contestación social na rúa.

Volver