A sentenza sobre a Escola Municipal de Música de Santiago "demostra o despropósito do concurso"

CIG-Ensino agarda que a situación se resolva de xeito favorábel ao persoal
Compostela - 07 Out 2019

Tras coñecerse o contido do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que confirma a sentenza anterior dun Xulgado de Compostela na que se anulaba a exclusión de Esproade na primeira fase do proceso de adxudicación do servizo da Escola Municipal de Música, o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, afirma que “se confirma o despropósito de todo o proceso, desde a redacción dos pregos até a adxudicación, por parte do goberno anterior de Compostela Aberta, como advertimos desde o comezo”.

Así mesmo destacou que aos traballadores e traballadoras non lles colleu por sorpresa este auto xudicial pero que “están cansos do espectáculo no que se converteu a adxudicación do servizo da Escola de Música e queren centrarse exclusivamente no que é da súa competencia profesional e en atender ao alumnado”.

Con todo, aínda está pendente outra sentenza sobre a declaración de lesividade dos pregos de contratación por parte do Concello de Santiago que será a que determine como queda finalmente o proceso de adxudicación do servizo.

Estabilidade dos postos de traballo

De calquera maneira, Rubén F. Monteagudo aproveita este novo episodio no conflito laboral da Escola de Música para apelar ao actual goberno municipal do PSOE a que busque unha solución que garanta a estabilidade dos postos de traballo. “Rematou o tempo de poñerse de lado sobre este asunto. Sabemos que unha vez remate o proceso xudicial poden abrirse varias vías que nós xa estamos analizando para que pola que se opte teña as máximas garantías xurídicas posíbeis e que teña o seu foco na defensa da estabilidade do persoal”.

Neste sentido, o secretario comarcal da CIG-Ensino avanza que se está a estudar unha sentenza doutro tribunal doutra Escola de Música do Estado.

Nestes momentos os 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música seguen traballando coas mesmas condicións laborais para a empresa Trobeiro á que se lle prorrogou o contrato ao anularse a concesión a Esproade despois do esperpéntico proceso de adxudicación que se deu o ano pasado.