A situación agónica da industria electrointensiva galega require de solucións inmediatas e definitivas

A CIG segue coas protestas na fábrica de Ferroatlántica de Cee para esixir unha tarifa estábel e predicíbel

Cee -

A CIG concentrouse este venres diante da fábrica de Ferroatlántica en Cee para esixir unha tarifa industrial máis xusta, competitiva e predicíbel para a industria electrointensiva e urxir ao Goberno español a que, de maneira inmediata, a poña en marcha. A situación agónica que atravesa a nosa industria non permite demoras na aplicación de medidas, que seguen a estar condicionadas pola contra atrás para evitar a execución dos despedimentos na fábrica de Alcoa, que remata o 1 de xullo, e polo fraudulento ERTE de Ferroatlántica nas fábricas de Cee e Sabón.

Esta protesta, na que participaron  traballadores/as das fábricas de Ferroatlántica da Costa da Morte  e Sabón, de Alcoa A Coruña e San Cibrao e de Celsa Atlántic e na que tamén se sumaron veciños e veciñas da comarca, enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver para urxir dos Gobernos solucións definitivas para a industria con grandes consumos enerxéticos e evitar o peche de empresas e a destrución do postos de traballo.

A explotación dos nosos recursos debe reverter no desenvolvemento de Galiza

A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puña o acento sobre o feito que as fábricas galegas estean vivindo unha situación "agónica e dramática", póndose en risco a continuidade dos empregos (caso de Alcoa) ou comprometéndose a viabilidade da actividade produtiva (caso de Ferroatlántica co peche de fornos e a aplicación dun ERTE), cando Galiza é unha potencia produtora e exportadora de enerxía.

O secretario xeral fixo valer a proposta que a central sindical ten elaborada dende o pasado mes de outubro -e que xa trasladou en numerosas ocasións aos Gobernos español e galego, así como á patronal sectorial- para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel e que recoñeza o estatuto específico das industrias electrointensivas. "Non se pode tolerar que se espolien os nosos recursos naturais e que as fábricas galegas estean na ruína por problemas co prezo da enerxía, cando Galiza é produtora e exportadora de enerxía, e que isto non reverta no noso desenvolvemento económico e na creación de postos de traballo na nosa  terra".

Abundando nesta cuestión engadiu "que  non pode ser que a emigración e o peche de fábricas sexa a realidade, mentres a nosa riqueza produce emprego e industrialización noutras zonas do Estado". Por iso, a CIG seguirá mobilizándose en demanda de solucións e xa ten convocada unha concentración para o 28 de marzo na fábrica de Ferroatlántica de Sabón.

ERTE fraudulento en Ferroatlántica

Sobre o ERTE de Ferroatlántica, Carril reiterou que non existen causas obxectivas para tal medida, cando ademais  a empresa ten a concesión pública para a explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos do Xallas e o Río Grande e da mina de Serrabal. Explotacións outorgadas polo Goberno galego que colocan a compañía do Grupo Villar Mir nunha situación de vantaxe para producir. "Non hai xeito de xustificar este castigo ás fábricas galegas do grupo", aseverou.

Unha afirmación que cobra especial relevancia logo de coñecer, tan só 24 horas despois de asinarse o acordo do expediente, que a planta que Ferroatlántica ten en Santander (que fabrica o mesmo tipo de produto que Cee) estará operativa ao 100% e producindo cun forno máis do que viña sendo habitual.

Carril lembrou que a CIG non asinou o acordo do ERTE ante a negativa da empresa a asumir nin unha soa garantía de emprego e de arranque dos fornos das instalacións galegas, abrir a posibilidade a prorrogar o ERTE máis alá de febreiro de 2021 e negarse a retirar os recursos xudiciais contra a resolución da Xunta de Galiza impedindo a segregación e venda das centrais.  

Neste contexto, Paulo Carril reiterou que "a Xunta ten a obriga e a responsabilidade de defender os postos de traballo, mais aínda cando as cláusulas das concesións hidroeléctricas esíxenlle a Ferroatlántica a produción industrial de ferroaliaxes con viabilidade. Entendemos que a empresa non  está cumprindo as condicións das concesións nin das centrais nin da mina e polo tanto non imos parar até que se paralice este ERTE e que se levante o castigo ás fábricas galegas".

Volver