A solidariedade galega co pobo cubano mobilízase polas rúas de Compostela

Varios milleiros de persoas percorreron a cidade en manifestación e encheron a praza de Praterías contra o asedio imperialista e o bloqueo
Nacional - 19 Abr 2026

A solidariedade galega co pobo cubano mobilizouse hoxe en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Deixade vivir a Cuba. Galiza contra o asedio imperialista’ para rexeitar o bloqueo e as agresións estadounidenses á illa caribeña. Varios milleiros de persoas convocadas pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, co apoio de ducias de organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais, entre elas a CIG, percorreron as rúas da cidade en manifestación ao berro de “Estados Unidos, estado terrorista” coincidindo co 65º aniversario do último gran intento dos EUA de botar abaixo o Goberno revolucionario co desembarco en Praia Girón de 1400 mercenarios adestrados e financiados pola CIA.

Mais, tal e como se lembraba no manifesto que se deu lectura ao remate dunha mobilización que arrincou da Alameda pasado o mediodía baixo un estrito silenciomaneto mediático, os milicianos e o exército revolucionario, baixo a dirección do comandante Fidel Castro, foron quen de derrotar os invasores en menos de 72 horas. “O memorando de Lester Mallory explicaba en detalle o obxectivo de xerar “fame, desesperación e o derrocamento do goberno” por medio do desgaste económico. A orde executiva asinada por Kennedy en 1962 institucionalizou o bloqueo total. Foi no contexto dese asedio, tan vello como a propia Revolución, que Cuba marabillou o mundo coa súa capacidade, non só de sobrevivir, senón de desenvolver unha sociedade de novo tipo, na que ninguén quedou sen aprender”.

Na illa caribeña floreceu unha educación de alta calidade, baseada na alfabetización en masa e o acceso universal e gratuíto a todos os niveis educativos. A Revolución Cubana puxo a disposición de todo o pobo a arte, o deporte e a ciencia; construíu un modelo de atención médica universal, gratuíta e punteira, baseada na saúde preventiva e nunha industria biotecnolóxica que se conta entre as máis avanzadas do mundo.

Durante a pandemia, o fluxo de axuda médica foi da pequena Cuba asediada cara ao mundo, e non ao revés. Cuba despregou a súa solidariedade internacionalista a través do Continxente Médico Henry Reeve especializado en situacións de desastre. Até 57 brigadas médicas foron enviadas a 40 países para tratar a máis dun millón de pacientes. “Cuba, designada polos criminais de guerra imperialistas como ‘país patrocinador do terrorismo’ exporta médicos en vez de bombas. Nos últimos 60 anos, a colaboración médica cubana abrangueu 165 países dos cinco continentes, coa participación de máis de 600.000 persoas traballadoras da saúde”.

"A solidariedade non se pode bloquear"

Porque tal e como asegurou o embaixador cubano en Bélxica “a solidariedade non se pode bloquear”. Cuba é importante para o mundo, é un exemplo de humanidade, e o imperialismo leva máis de 65 anos en guerra contra Cuba. Unha guerra híbrida que combina a agresión militar, as accións de sabotaxe e terrorismo, o boicot económico, as sancións financeiras, a asfixia enerxética e a desestabilización e a intoxicación usando os medios masivos de desinformación e as cloacas das redes sociais.

No comezo do 2026, o cerco a Cuba acadou unha intensidade sen precedentes. O ataque a Venezuela e o secuestro do presidente Maduro, seguidos das ameazas de sancións contra quen ouse subministrar petróleo a Cuba elevaron a un grao superior a asfixia da illa. Levárona a unha situación de emerxencia enerxética que estrangula o acceso da poboación cubana aos produtos máis básicos: alimentos, medicamentos, equipamentos médicos e artigos de primeirísima necesidade. “Isto dáse no contexto dunha intentona desesperada dos Estados unidos e os seus lacaios sionistas por perpetuar a ditadura global do gran capital imperialista sobre os pobos do mundo”.

A intervención contra Venezuela, a agresión brutal contra Irán, e a activación do chamado Escudo das Américas desde Miami para preparar unha intervención militar directa configuran un contexto crítico que pon en perigo todos os logros da revolución e o exercicio dos dereitos humanos máis básicos do pobo cubano. Estados Unidos busca provocar o colapso económico e social de Cuba, estrangulala e rendela por fame. Nesta dramática situación Cuba non cede á chantaxe. Cuba non se rende, nin renuncia a un sistema político e social superior, elixido e decidido polo seu pobo, todos os días desde 1959. Cuba responde defendendo a súa dignidade e autodeterminación contra quen violan sen cesar o Dereito Internacional no Caribe e en todos os confíns do universo.

Os pobos da Galiza e de Cuba manteñen desde hai máis de dous séculos unha intensa e singular relación. Cuba foi lugar de destino e acollemento para centenares de milleiros de labregos que fuxían da miseria procurando porvir e prosperidade. Cuba foi escola do sindicalismo campesiño galego dos anos 30, retagarda para as organizacións de liberación nacional e antifascistas. Castro, Ameixeiras, Díaz, Piñeiro, son apelidos de orixe galega determinantes na vitoria do M26J en 1959.

A humanidade débelle moito á Illa da Liberdade. “Hai que facer da solidariedade un clamor universal, un rexeitamento global unánime da agresión ianqui. Hai que defender a Cuba da criminal ofensiva dun imperio moribundo que morre matando e sementando por todas partes miseria, caos, xenocidio e guerra de rapina. Hoxe, coma onte en Praia Girón, hai que facer que se vaian por onde viñeron. Que deixen vivir a Cuba. Contra ao bloqueo criminal! Contra o asedio imperialista! Cuba vencerá”.