“A solidariedade non rematará até que lles concedan o indulto”

As centrais volveron á rúa en apoio dos traballadores vigueses Carlos e Serafín
Vigo - 23 Nov 2018

As rúas de Vigo acolleron este xoves unha nova concentración para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar na folga provincial do transporte en 2008. As centrais CIG, CCOO e UGT reiteraron a súa disposición a non cesar nas mobilizacións até que o Goberno español lles conceda unha medida de graza que evite a súa entrada en prisión.

“Non son ladróns, son traballadores” ou “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder” foron unha vez máis as consignas máis coreadas durante a protesta que como cada mes dende hai xa máis de catro anos se celebrou diante do Marco. Ao remate do acto os sindicatos convocantes renovaron o seu compromiso cos dous afectados asegurando que “a solidariedade non rematará até que lles concedan o indulto”.