A solución á desfeita climática só pode ser sistémica

Manuel Mera - 05 Nov 2021

Cómpre unha proposta alternativa ao capitalismo, que socialice todos aqueles sectores que son básicos para a humanidade, que garanta a xustiza social a soberanía nacional, para superar os problemas ecolóxicos, de desigualdade social e entre territorios, de extrema violencia, de fraude legalizado e especulación ao servizo dos poderosos

 A Unión Europea puxo o acento na enerxía verde e a dixitalización para superar a crise da pandemia   e reconstruír a economía con criterios que eviten a desfeita climática. Os primeiros resultados desta   folla de ruta xa amosa os seus límites, tanto no aspecto climático como económico. Neste último, en principio o rebote foi forte naqueles países que superaron a pandemia, por mor da vacinación masiva da poboación, mais axiña xurdiron os atrancos, tanto porque outras nacións aínda estaban moi afectados pola covid, como porque noutros países a base industrial e de transporte reducira parte do seu potencial pola pandemia. Son as consecuencias da falta de solidariedade na vacinación, xa que se impuxo o sálvese quen poida e acaparar beneficios para os laboratorios privados, mais tamén é produto dun modelo económico e social esgotado.

 Non se pode obviar que a desfeita climática, o medre da desigualdade e que as crises se volvesen máis habituais se debe en gran medida a que economía está moi globalizada e as decisións son tomadas en grandes corporacións, nas que o esencial é o beneficio económico. E todo indica que nesta conxuntura terán unhas consecuencias importantes. A esta altura hai atrancos polo abastecemento eléctrico, aumento do prezo das materias primas e carburantes, encarecemento do transporte, falta de chips, etc. Resultado: medre da inflación nun intre no que se está utilizando nas principais potencias o crédito masivo para recuperar rapidamente economía e o emprego, xa que consideran que este é un atranco conxuntural e debido en exclusiva á pandemia.

 Resulta evidente que estas eivas e atrancos, esta crise económica e social (tamén política), son consecuencia da produción de escala, con procesos de distribución cada vez máis longos e complexos, que son interdependentes da centralización e concentración do poder económico e político. A pandemia só foi un detonante. A globalización neoliberal, o capitalismo, o imperialismo, ten como tendencia natural acrecentar a desigualdades entre clases e entre nacións, estragar a natureza e dar pulo á confrontación entre países. Daquela que por unha banda potencie o avance tecnolóxico e o consumo como efectos positivos e, ao mesmo tempo, dea pulo á precariedade e marxinalidade, ao medre da xornada e caída real dos salarios, a unha mocidade sen futuro, ás migracións masivas...

 Polo tanto, estas eivas non se corrixen exclusivamente coa enerxía verde e a dixitalización. Ante todo, porque a crise enerxética acaba de deixar en evidencia que cómpren medios alternativos que permitan almacenala masivamente, e que mentres isto non suceda seremos dependentes do gas e carbón (contaminantes), e á produción atómica (perigosa). Ademais hai outros factores que inciden no clima que non se poden obviar: a extrema mobilidade de produtos e persoas, o crecemento demográfico, a acumulación de lixo, etc., ao que se engade o esgotamento de recursos básicos,  o medre da desigualdade e dos conflitos, as guerras destrutivas, etc. O atasco na canal de Suez hai uns meses é un exemplo da fraxilidade do modelo, así como a falta de bens e o malo repartimento de contedores. O sistema capitalista non dá solucións que contemplen a maioría da humanidade e garantan un futuro mellor para o planeta, e mesmo pode contemplar unha saída fascista para protexer os intereses das clases dominantes (o medre da extrema dereita non é casual).

 A esta altura danse contradicións tan elementais como que, mentres se alenta a dixitalización, cada ano se producen 57 millóns de toneladas de lixo tecnolóxico, que en gran medida non se recicla. Ou que producir chips e outro material electrónico implica un inmenso consumo de enerxía que en gran medida é producida a partir do carbón ou gas. Ou sexa, o que se oferta como unha saída na práctica é unha resposta parcial, e mesmo negativa nalgúns aspectos. Cómpre unha proposta alternativa ao capitalismo, que socialice todos aqueles sectores que son básicos para a humanidade, que garanta a xustiza social a soberanía nacional, para superar os problemas ecolóxicos, de desigualdade social e entre territorios, de extrema violencia, de fraude legalizado e especulación ao servizo dos poderosos. Cómpre rematar coa opresión e explotación.

 

[Vigo, 5 de novembro de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/