A solución para San Cibrao non está nos xulgados, senón nas decisións dos Gobernos español e galego

Este xoves celebrouse no TSXG a vista da solicitude de medidas cautelares

A Coruña -

A vista das medidas cautelares que ten lugar este mércores no TSXG constitúe un paso máis no proceso de loita contra os plans de peche Alcoa, pero, tal e como lembrou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a solución definitiva non está no que decida hoxe o TSXG nin na resolución da impugnación do ERE que poida chegar dentro duns meses. “A solución está na intervención pública da fábrica e esa é unha decisión política que teñen que tomar o Goberno español e a Xunta de Galiza, atendendo ao clamor do pobo da Mariña pero tamén aos pronunciamentos a favor aprobados no Congreso español e no Parlamento galego”, aseverou.

» Vídeo da declaración de Paulo Carril 

» Vídeo das conclusións do letrado da CIG, Héctor López 

Para Carril, que declarou como testemuña da parte social, hoxe quedou demostrada de forma evidente en sede xudicial a falta de motivación e a mala fe de Alcoa neste proceso de despedimentos e, en particular, en todo o referido á decisión de parar as cubas de electrólise. “É obvio que Alcoa non ten máis preocupación que pechar a fábrica e evitar que se poida continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao”, denuncia.

Pero permitirlle a Alcoa parar as cubas significaría un dano irreversíbel nas capacidades produtivas e lastraría unha solución de futuro. “Resulta evidente que con esta decisión Alcoa está impedindo e boicoteando calquera solución de continuidade industrial que pase por unha venda ou por outras alternativas de mantemento da produción, sen importarlle a consecuencia do desastre industrial e a destrución de postos de traballo que xera para A Mariña e para o conxunto do país, tanto na principal como nas auxiliares”.

A este respecto, Carril insiste que a saída para a fábrica “non está no xulgado como tampouco estaba na mesa do ERE, senón na actuación política dos Gobernos”. Por iso reclama que se fixe xa a data da reunión da Mesa Multilateral e que se concrete un calendario de actuacións para a intervención efectiva da planta, “pois sería intolerábel que o tribunal asumira as medidas cautelares e as administracións non tiveran feito o traballo necesario para que a SEPI se faga cargo de inmediato da fábrica”.

En todo caso, Carril salienta que este conflito é demostración palpábel de que “somos vítimas da reforma laboral, pois de terse derrogado, Alcoa non podería decidir unilateralmente o despedimento de preto de 1000 traballadores/as e a parada das cubas”. De igual xeito, para o secretario xeral da CIG salta á vista a necesidade de cambiar as políticas para que sectores estratéxicos da economía sexan xestionados dende o público e non estean ao arbitrio de decisión de grandes corporacións multinacionais.

Solicitude de intervención e administración da planta

En canto á demanda de cautelares, cómpre lembrar que a representación social pide a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme.

De maneira subsidiaria, no escrito tamén se solicita do TSXG que ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda á parar a produción de aluminio na fábrica e a levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva esta paralización da planta e, concretamente, das cubas de electrólise, mentres non haxa sentenza firme no proceso de despedimento colectivo.

Medidas excepcionais para unha situación de excepcional gravidade

O letrado da CIG, Héctor López de Castro, valorou nas súas conclusións a excepcionalidade das medidas que se piden nas cautelares, mais que están á altura da "situación de excepcional gravidade" á que se enfronta á comarca da Mariña ante o anuncio de ERE. Un plan que afecta non só ao persoal da principal, senón a preto de 500 traballadores e traballadoras das industrias auxiliares para quen a multinacional non quixo en ningún momento entrar a avaliar solucións.

Aludiu aos indicios claros de que o ERE pode ser nulo por vicios no desenvolvemento do procedemento ou por ausencia/insuficiencia das causas alegadas, e referiuse ás 10 advertencias feitas pola autoridade laboral. Nas súas conclusións destacou o feito grave de que a empresa se pretenda situar como un poder absoluto no que único que vale é o dereito de propiedade e a liberdade de empresa, na que tanto insiste Alcoa.

Pero este dereito de propiedade e liberdade de empresa "non inclúe o dereito a limitar un sector estratéxico, eliminar un competidor mercantil e destruír mil postos de traballo cando existen alternativas", aseverou. Pola contra, a liberdade de empresa no marco da UE está orientada á mellora das condicións de traballo e isto afecta directamente aos procedementos de despedimento colectivo e ao dereito a manter o posto de traballo.

López de Castro salientou tamén a mala fe na negociación de Alcoa, que se dedicou a consumir tempo, aproveitándose ademais das limitacións sanitarias e sen atender os avances, propostas e esforzos presentados na mesa multilateral, malia que se lle ofreceu un plan industrial con prezos eléctricos competitivos (xa que este é o gran problema alegado por Alcoa).

A este respecto, resaltou que hai outra empresa que asume que pode continuar coa produción nestas condicións ofrecidas pola administración, o que desmonta os argumentos de Alcoa sobre a necesidade dos despedimentos e a parada das cubas como única saída para a fábrica de aluminio primario da Mariña.

Alcoa nunca quixo chegar a un acordo de venda

Sobre as esixencias de Alcoa á Liberty House, o letrado da CIG subliñou que a operación mercantil non se ten que realizar en condicións óptimas como esixe a multinacional, xa que se trata dunha operación condicionada por un compromiso previo e polo tanto tense que facer en condicións razoábeis, para cumprir así cos criterios de boa fe estendida que se presume no período de negociacións do ERE. Esta actuación, confirma que a intención de Alcoa non foi en ningún momento chegar a un acordo de venda, senón blanquear a súa decisión, porque "a decisión de despedir estaba predeterminada".

No relativo á proposta de ERTE, lembrou que Alcoa propuxo esta alternativa o día antes de rematar o período de consultas do ERE e sempre coa parada de cubas como condición. En todo caso, esta proposta inviabiliza a continuidade do emprego e da produción industrial e foi feita días despois de que GFG Alliance manifestara a súa vontade de adquirir a factoría en pleno funcionamento e con todo o cadro de persoal. Polo tanto, o obxectivo do proceder de Alcoa resulta obvio: evitar a transmisión a unha empresa competidora.

En canto á devolución das axudas, o letrado da CIG revelou que o despedimento colectivo está calculado nunha porcentaxe que evita as obrigas de devolución das axudas millonarias percibidas a modo de bonificacións eléctricas. "O único criterio para desenchufar é a conveniencia empresarial" e xa se produciron actuacións que frustrarían unha solución como a adquisición por parte de Liberty.

A respecto das posibilidades de reactivar as cubas, explicou que o termo técnico non é hibernación como asegura Alcoa, senón parada, que para a súa reactivación é unha operación tremendamente onerosa e tecnicamente moi complexa, tal e como sinalou un dos peritos que declarou na vista.

O persoal continúa coas mobilizacións diante da fábrica

Mentres na Coruña tiña lugar a vista xudicial, os traballadores e as traballadoras proseguían coas mobilizacións diante da fábrica de San Cibrao cunha acción de protesta que se desenvolveu entre ás 13 e ás 15 horas e a través da que reclamaron a intervención pública da fábrica como garantía da continuidade da actividade produtiva e de todos os empregos.

Na mobilización non faltaron as consignas reclamando tamén un novo marco regulador da enerxía, nin consignas como “Madrid, escoita, a Mariña está en Loita” ou “A Mariña sálvase, loitando”.

Volver