"A suspensión da pena é un paso importante pero cómpre que se faga xustiza co compañeiro Pintos"

As centrais manteñen a campaña polo indulto e a manifestación do 31 de maio en Ferrol
Ferrol - 25 Mai 2022

Representantes de CIG, CCOO e CGT na comarca de Ferrol (UGT non puido acudir) comparecían na mañá deste mércores en rolda de prensa para informar da resolución da Audiencia Provincial pola que se suspende a execución da sentenza ao compañeiro Xesús Anxo López Pintos. Este é un paso importante no obxectivo inmediato de evitar a súa entrada en prisión, pero na comparecencia xa se advertiu que a campaña a prol do indulto e as mobilizacións continuarán "porque o que queremos é xustiza para Pintos, que se lle retire a condena".

Deste xeito, anunciaron que continúa adiante a recollida de sinaturas en apoio á solicitude de indulto para o exsecretario comarcal da CIG-Ferrol "porque o obxectivo é que o poder executivo retire na súa totalidade a condena". Mantense tamén a convocatoria da manifestación do próximo martes 31 de maio que, baixo o lema "Xustiza para Pintos. Derrogación da Lei Mordaza", sairá ás 20 horas do edificio da Xunta de Galiza en Ferrol.

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, agradeceu o apoio social amosado durante este tempo fronte a esta inxusta sentenza co compañeiro Pintos, subliñando a boa acollida que a campaña está a ter nos centros de traballo. Avanzou que, ante o novo escenario, a presentación formal da solicitude de indulto se fará na primeira quincena de outubro "para termos marxe suficiente para recoller o maior número de apoios posíbel". O responsábel da CIG-Ferrol lembrou que tamén se está a espera de concretar data de reunión coa ministra de Xustiza e co Delegado do Goberno.

O proceso a Pintos, un escarmento á loita sindical

Grandal valorou que na propia resolución da Audiencia Provincial se subliña que os feitos polos que foi xulgado Pintos se deron nun contexto moi determinado na comarca de Ferrolterra, de elevada conflitividade e de denuncia e reivindicación de solucións ante a destrución de emprego, o desmantelamento industrial, o medre da pobreza etc.

"E neste marco, o proceso ao que se tivo que enfrontar Pintos constitúe un escarmento á loita sindical e a reposta social que non podemos permitir e que non podemos separar da posta en marcha da propia Lei Mordaza, da que volvemos demandar a súa derrogación inmediata", aseverou Grandal.

 O secretario de Organización de CCOO en Ferrol, Santiago Díaz, incidiu nesta cuestión, lembrando que estamos ante unha resolución xudicial, pero falta a formulación política deste conflito: unha lei mordaza que pon a acción sindical "en alto risco penal" e que busca criminalizar a mobilización social. "Temos que seguir na campaña porque falta un pronunciamento do poder político, do Goberno, que é o indulto. E témolo que conseguir non só por Pintos, senón pola defensa das liberdades e dos dereitos democráticos", afirmou.

Neste senso, lembrou que a Lei de Seguridade Cidadá aprobada polo PP continúa plenamente vixente, malia o compromiso do Goberno de coalición de proceder á súa derrogación."Pasa o tempo, pero non vemos que haxa ningunha intención de retirar a Lei Mordaza", denunciou.

Abundando nesta cuestión, o representante da CGT, Xaquín García Sinde, recalcou que "isto non vai só de que o compañeiro Pintos non entre en prisión, senón en dilucidar se houbo ou non delito, e nós entendemos que non o houbo". Sinde referiuse á Lei Mordaza, mais tamén criticou "a tendenciosidade da propia xustiza".

"As cuestións de fondo que están implícitas neste caso son moi importantes dende o punto de vista dos dereitos democráticos e polo tanto hai que abordalo dende esta óptica. Ten pleno sentido manter a manifestación do día 31 e a campaña de petición do indulto", concluíu.

Suspensión por un prazo de dous anos

A resolución da sección 2 da Audiencia Provincial da Coruña suspende a execución da pena privativa de liberdade contra o compañeiro Pintos por un prazo de dous anos, "coa condición de que non delinca durante este período".

Cómpre aclarar que aínda que a sentenza emitida en outubro de 2020 condenaba a Pintos a unha pena de seis meses e un día de cárcere, a posibilidade de que entrara na cadea derivaba da existencia dunha pena anterior polo conflito das mariscadoras de Mugardos no ano 2001 cuxo xuízo, como se recoñece na propia resolución da Audiencia, se dilatou no tempo de maneira anormal.

Tamén se teñen en conta as circunstancias persoais do sindicalista e o contexto social no que se produciron os feitos (en plena loita na comarca contra a desertización industrial e a falta de emprego, e cuns gobernos do PP aplicando durísimas políticas neoliberais de recortes económicos e de dereitos).