A teimosía de Albada e a inacción do Concello abocan o persoal da planta de Nostián á folga indefinida

O persoal continúa o calendario de mobilizacións e reclama o rescate inmediato da concesión

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras da planta de tratamento de residuos sólidos de Nostián continuaron este venres co calendario de mobilizacións acordado logo da empresa presentar un ERTE, unha modificación substancial das condicións laborais e anunciar que non permitirá a entrada dos camións do lixo do Consorcio das Mariñas (que supoñen o 37% da actividade das instalacións) dende xaneiro próximo. A actitude da empresa (do grupo Urbaser), que teima en levar adiante todo o seu paquete de recortes, xunto coa inacción do Concello da Coruña, parecen abocar irremediabelmente o persoal á folga indefinida a partir do 8 de decembro.

De aí que unha das consignas que hoxe repetiron durante a protesta fora "neste nadal A Coruña vai cheirar mal", en referencia ás consecuencias directas que a falta de actividade na planta de Nostián ten sobre a propia recollida do lixo nas rúas da cidade.

Para evitar os prexuízos á cidadanía e sobre a actividade comercial e hostaleira nunhas datas con tanto movemento como o nadal, os traballadores e as traballadoras reclamaron do Goberno municipal que atenda a solicitude de reunión trasladada e proceda ao rescate inmediato da concesión, "xa que esta semella a día de hoxe a única vía para evitar que Albada execute o seu plan", apunta Hadrián Canosa, delegado da CIG.

Canosa lamenta que, a pesar de que as pretensións da empresa comprometen incluso a viabilidade das instalacións e da dubidosa legalidade de romper de maneira unilateral o contrato co Consorcio das Mariñas escudándose na situación de prórroga forzosa, o Concello da Coruña non adoptou até o de agora máis medidas que ameazar a Albada con sancións se impide a entrada dos camións do lixo do ente supramunicipal.

Concentración o xoves 5

As concentracións seguirán o xoves 5 de decembro, diante do Pazo de María Pita, ás 09:30 horas, coincidindo coa celebración do pleno municipal.

Unha medida de corte económico que semella pouco efectiva tendo en conta que é a empresa quen voluntariamente renuncia a percibir máis do 20% dos seus ingresos; ao tempo que pretende utilizar a baixada da actividade provocada por ela mesma para xustificar a aplicación fraudulenta dun ERTE para 39 traballadores/as e modificarlle as condicións a outras 35 persoas.

O período de consultas remata sen acordo

Precisamente, onte deuse por rematado o período de consultas do ERTE, obviamente sen acordo, que estará vixente dende o 1 de xaneiro até o 31 de decembro de 2022. En total, 24 meses de regulación de emprego, "que é o tempo que Albada calcula que tardará o Concello en ter adxudicado o novo contrato".

A este respecto, o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, salienta que o apuro e a improvisación da dirección da empresa por comezar cos axustes son tales, que até aproveitou as reunións do período de consultas do ERTE para negociar a modificación das condicións laborais, "cando son medidas de natureza distinta (unha conxuntural outra con carácter definitivo) e cando o persoal nin sequera sabe que condicións terá dende xaneiro, xa que Albada deu por decaído o convenio de empresa e anunciou que pasará a aplicar o marco estatal".

Mais esta falta de soporte xurídico obrigou a empresa a ter que retomar as negociacións do convenio colectivo de centro de traballo (que levan máis de ano e medio bloqueadas) e a convocar mesa negociadora para o 3 de decembro. Non cómpre perder de vista que o convenio colectivo vén sendo fonte de conflito permanente, xa que Albada utiliza cada nova negociación para botarlle un pulso ao persoal e ao propio Concello nun intento de maximizar o beneficio obtido dos cartos públicos, cando en 20 anos de xestión nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas.

É máis, Hadrián Canosa lembra que Albada sempre superior a cota máxima de rexeites permitidos, establecido nun 35%, e sempre estiveron por enriba do 55%. "Por tanto carece de sentido que manden a xente para a casa, cando o primeiro que teñen que facer é cumprir con esa obxectivo ambiental".

Nesta liña, entende que as nefastas actuacións de Urbaser "confirman que a xestión privada non mellora nada, se acaso empeora, a xestión pública. Por iso solicitamos do Concello da Coruña, non só que remate con isto, senón tamén que se faga cargo de nós, e que remunicipalice o servizo".

Recurso contra o decreto de servizos mínimos

Ao remate da concentración, o comité dirixiuse o servizo de Medio Ambiente para presentar recurso contra o decreto de servizos mínimos por entender que é totalmente abusivo. "Este decreto nin sequera debería existir, quérenos quitar todo, incluso o dereito á facer folga", valoraba Canosa, lembrando que Albada estivo cinco meses sen retirar o rexeite das instalacións "sen que pasara nada e sen que a ninguén parecera importarlle".

Volver