• Nova

A terceira xornada de folga na planta de Leche Celta de Pontedeume volve rexistrar un seguimento do 100%

O persoal reclama un convenio colectivo que recolle auténticas melloras salariais e sociais
Pontedeume - 17 Xan 2022

O persoal de Leche Celta continúa esta semana co calendario de folgas en demanda dun convenio digno e con dereitos. Se a pasada semana o 100% dos traballadores e das traballadoras secundou as dúas xornadas de paros, este luns a folga -que se efectiviza de 12 a 16 horas- volveu rexistrar un seguimento total, polo que a actividade na planta de Pontedeume permaneceu paralizada.

Para visibilizar a súa loita, o persoal montou unha carpa ás portas das instalacións e ten previsto desenvolver actividades de carácter lúdico-reivindicativo durante as horas dos paros, que esta semana están convocados tamén para o martes 18 e o mércores 19. O éxito da folga evidencia a determinación do persoal na súa loita para que o II convenio colectivo deste centro de traballo (que conta con máis de 170 traballadores e traballadoras) supoña un avance real nas condicións laborais e salariais, máis nun momento de forte suba do custe da vida.

Introducir sistemas arbitrarios

Neste senso, Fran Cartelle, representante da CIG, denuncia que a dirección pretende ligar os incrementos salariais a conceptos como produtividade ou absentismo, que non se formularon nin sequera na negociación do convenio estatal do sector, no que se acordou unha suba porcentual, aínda que insuficiente, pero que como mínimo a empresa debería asumir "sen pór ningún tipo de escusa".

Pola contra, denuncia que Leche Celta pretende establecer un sistema retributivo "que suporía por unha banda penalizar salarialmente ás persoas que enfermen ou que gocen de licencias retribuídas e por outra, condicionar o incremento económico a uns parámetros nos que as persoas afectadas non poden incidir, xa que responden a responsabilidade e decisións dos altos mandos da empresa".

O sindicalista rexeita os argumentos da compañía alegando que ten perdas, "cando o que se está a producir é unha importante actividade comercial entre Leche Celta e outras empresas do grupo e cando resulta insultante comparar o prezo que se lle paga aos gandeiros e gandeiras polo leite co prezo do produto final".

A negociación colectiva, clave para avanzar nos dereitos

Fronte aos intentos patronais de recortar dereitos, Cartelle salienta que  a negociación colectiva "en mans do persoal afectado pola mesma é a clave para avanzar na mellora das condicións de traballo, rachando así a dinámica dun convenio estatal centralizado e controlado polas cúpulas sindicais estatais e a patronal que son fiel expresión do pactismo social, que ten empeorado historicamente as condicións de traballo do persoal".

Por todo isto, o persoal advirte que os paros continuarán e incluso se endurecerán, se a empresa non se avén a negociar nos parámetros propostos pola parte social, co obxectivo de garantir o poder adquisitivo e experimentar avances nos dereitos sociais.