A totalidade do persoal de Einsa vai á folga para demandar melloras laborais e salariais

As Pontes - 31 Mai 2023

A folga convocada para este martes en Einsa Print e Einsa Sourcing tivo un seguimento total entre o cadro de persoal, malia as manobras da empresa para tentar desmobilizar e que as traballadoras e os traballadores abandonen as súas reivindicacións por unhas melloras salariais e laborais. O paro, que afectou a todo o persoal e a todas as quendas, desenvolveuse entre ás 23h do luns e ás 23 horas do martes 30 de maio.

Para este xoves, coincidindo coa celebración do acto de conciliación polo conflito colectivo presentado contra a decisión unilateral da empresa de impor o calendario de vacacións en plenas negociacións, o persoal concentrarase no SMAC de Ferrol ás 10:30h. Posteriormente, o comité reunirase para avaliar e acordar un novo calendario de mobilizacións.

Ante a precarización das condicións salariais, laborais e sociais, o comité impulsou unha mesa de negociación coa empresa en outubro pasado co obxectivo de renovar o acordo de 2012, recuperar dereitos perdidos e subir unhas retribucións que están conxeladas dende hai unha década.

A falta de actualización dos salarios e os cativos incrementos pactados no convenio estatal de referencia (o de artes gráficas) provocaron que ano tras ano os traballadores e traballadoras foran perdendo poder adquisitivo até o punto de que varios niveis salariais xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.

A este empobrecemento salarial súmanse os prexuízos económicos que supuxeron os cambios nas condicións de pago do plus de traballo en sábados, domingos e festivos, xa que neste tempo a empresa implantou un método de cálculo inferior ao que existía nos acordos previos.

Con esta negociación preténdese, entre outras cuestións, regular as quenda, as horas festivas, as horas nocturas e reclamar un incremento de aproximadamente o 5% por enriba do marcado no convenio, para poder iniciar así a recuperación dos salarios perdido nos últimos anos.

Porén, a pasada semana, a empresa rompeu a mesa baixo a escusa de que en marzo de 2024 vai perder o seu cliente principal. A CIG-Industria entende que Einsa realizou este anuncio a mala fe, coa intención de retirar a oferta que trasladara no día anterior e co obxectivo de amedrentar o persoal para que abandone a loita que leva meses desenvolvendo. Neste senso, subliñan que o acordo que se negocia é a tres anos e que a compañía até marzo do ano que vén para buscar novos contratos.