A totalidade do persoal de produción de BorgWarner secunda o paro indefinido contra os incumprimentos laborais
A folga indefinida coincidiu co inicio da quenda de noite de onte ás 22:00 horas e foi secundada polo 100% do persoal dos centros de traballo de Vigo (Zamáns), ao igual que na quenda que de mañá que deu comezo ás 6:00 horas. Mentres que entre o persoal de oficinas da quenda central tivo un seguimento do 75% en Zamáns e no parque tecnolóxico de Porto do Molle, en Nigrán. Posteriormente o comité de folga desprazouse até o hotel Coia para participar nunha mediación do AGA coa que se pretende desbloquear o conflito.
Dende o comité de empresa (10 representantes da CIG, 6 da UGT, 2 da CGT, 2 de USO e 1 de CCOO) de BorgWarner Emissions System Spain SL explican que a compañía vén incumprindo o acordo de outubro 2023 que obrigaba a actualizar o encadramento das categorías profesionais e dos postos de traballo recollidos no convenio colectivo, “logo dun período de negociación interno nas distintas comisións de traballo no que a dirección amosou un bloqueo total e mala fe negociadora, chegando a vulnerar a liberdade sindical no eido da negociación colectiva, xa que a empresa crea e negocia coas persoas traballadoras de forma individual en materia de clasificación profesional”.
Outro dos motivos do paro indefinido que dará comezo ás 22:00 horas do martes 14, ten que ver coa obstaculización da negociación do III Plan de Igualdade, xa que nun período dun ano as partes só tiveron oito xuntanzas, “optando a dirección por dilatar e incumprir o regulamento asinado ao non facer entrega da documentación legalmente establecida”. E tamén coa falta de resposta reiterada ás peticións, preguntas e obrigas legais que ten a dirección co comité.
O comité de BorgWarner, presidido pola CIG, lembra que dende hai anos a multinacional está a percibir unha gran cantidade de fondos públicos, tanto a través dos Gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza como do resto de administracións a través de fondos PERTE, para proxectos relacionados co vehículo eléctrico, “polo que non entendemos esta postura radical e incumpridora da dirección actual da empresa cara ás persoas traballadoras”.
En consecuencia, o persoal optou por iniciar unha serie de mobilizacións diante da empresa que agora levan un paso máis alá coa convocatoria dunha folga indefinida.
Apoio da Secretaría das Mulleres da CIG
Dende a Secretaría das Mulleres da CIG manifestan o seu apoio á folga indefinida en BorgWarner, ao tempo que denuncian que “por desgraza” o que acontece en Bogwarner “é a tónica xeral”. Xa que son moitas as empresa que elaboran os plans de igualdade só para cumprir formalidades legais, sen aplicalos nin facer seguimento real do seu cumprimento. “Isto dá lugar a plans baleiros que non transforman a realidade das mulleres traballadoras nin contribúen a eliminar as discriminacións de xénero”.
A esta situación engádese un feito especialmente preocupante: cada vez son máis os plans de igualdade rexistrados sen acordo coa representación legal das persoas traballadoras. “O Rexistro de Plans de Igualdade converteuse nunha auténtica coladeira, admitindo documentos que non cumpren coa normativa vixente”.
Diante disto, a Secretaría das Mulleres da CIG esixe un control “real e rigoroso” por parte das institucións públicas que garanta que os plans de igualdade sexan acordados, implantados e avaliados. “Non abonda con rexistrar documentos: é preciso vontade política, compromiso empresarial real coa igualdade de xénero e ferramentas sancionadoras efectivas para quen non cumpra”.
O caso de BorgWarner é un exemplo máis do que acontece cando a igualdade se entende como un “trámite” e non como unha obriga real. “Por iso, reafirmamos o noso apoio e solidariedade coa loita das traballadoras e traballadores de BorgWarner, que se mobilizan en defensa dos seus dereitos. A súa loita é a loita de todas: porque a igualdade non se negocia para cubrir un expediente, senón para transformar a realidade laboral e social das mulleres”.