A UCI do hospital Clínico de Santiago, en folga por unhas condicións de traballo dignas
Denuncian xornadas de até 10 horas, sen descanso, co mesmo EPI e mesmo dobrando quendas
Santiago -
Condicións de traballo dignas. Iso é o que demanda o persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de adultos do hospital Clínico de Santiago. Por iso levan en folga indefinida desde o pasado día 16 de novembro. Unha mobilización que ten un carácter simbólico pero que pretende chamar a atención sobre a súa situación.
Denuncian quendas de traballo de 7 ou 10 horas diarias –sen descanso e co mesmo EPI e uniforme– obrigadas e obrigados, en non poucas ocasións, a dobrar quendas, sen dereito a conciliar e esgotadas/os física e psiquicamente.
O persoal acusa a xerencia da área sanitaria de “insensibilidade” por non ter acometido as reformas estruturais que debían estar rematadas xa en setembro. Alerta da falta de medidas organizativas e preventivas fronte á Covid-19 e a inexistencia dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo, en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A, establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.
Poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPI para adquirir soltura e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais. Por iso demandan medidas preventivas e que se establezan os plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais.
Son as consecuencias de afrontar unha pandemia tras unha década de recortes na sanidade pública auspiciados polas políticas economicistas e privatizadoras do Goberno do PP e que cómpre reverter. Recortes que tiveron, e teñen, graves consecuencias non xa para o seu persoal, senón tamén para garantir a calidade asistencial.
Novas relacionadas