A ultradereita, ás portas de asaltar o Parlamento Europeo

Katu Arkonada - 21 Mai 2019

Estas eleccións ao Parlamento Europeo de 2019, a 30 anos da caída do Muro de Berlín, son decisivas para o proxecto de construción europea desde os pobos. É necesario combater o proxecto da ultradereita europea

A Unión Europea nunca conseguiu transformar a Europa dos estados e o capital nunha Europa dos pobos.

 Máis ben serviu para homoxeneizar os partidos políticos estatais en torno a un marco común, o da imposición do modelo neoliberal. A dereita e a socialdemocracia fusionábanse nun só proxecto político que, con maiores ou menores avances, viña a desmontando o Estado do benestar europeo, convertido practicamente nun fósil da Guerra Fría.

 A segunda década do século XXI serviu para que xurdisen algúns proxectos que nacían desde abaixo e á esquerda como resistencia á desfeita social neoliberal. Podemos converteuse nunha referencia á hora de mirar a Europa, aínda que probabelmente o caso máis paradigmático é o de Syriza en Grecia. Un movemento composto de varios partidos, algúns mesmo de tendencias comunistas, liderado por Alexis Tsipras, que unha vez no goberno foi obrigado pola Troika (o triunvirato que goberna Europa composto pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional) a aplicar políticas de “austeridade”, traducidas en recortes sociais e a privatización do pouco que quedaba en Grecia sen privatizar, como a enerxía ou os aeroportos.

 Mais o breve ascenso de proxecto á esquerda da socialdemocracia convertida en social-liberalismo, tivo como resposta unha contraofensiva conservadora en forma de auxe de proxectos de ultradereita. En principio dispersos polo mapa europeo, pero aos poucos articulándose entre si, até o punto de se poder converter nas eleccións europeas do 26 de maio nun dos grupos máis grandes do Parlamento Europeo.

 Unha ultradereita que deixou de lado calquera complexo para se presentar, apoiada nos seus valores morais, como unha alternativa a unha Europa que debuxan dominada pola ideoloxía de xénero e os migrantes.

 A principal diferenza coa dereita tradicional, é que a nova ultradereita europea recolle o voto da clase obreira, de feito, sen o voto da clase obreira branca Marine Le Pen non podería gañar as eleccións europeas de 2014 (sacando 24 dos 74 eurodeputados asignados a Francia). Hoxe en día Reagrupación Nacional, o novo partido de Le Pen, lidera con 22,5% de intención de voto as enquisas, por riba da República en Marcha de Macron.

 O outro gran aliado de Marine Le Pen é Matteo Salvini, actual Vicepresidente e Ministro do Interior do país alpino, que podería mesmo co 30% dos votos ser o partido europeo con máis representación no Parlamento Europeo (algunhas proxeccións outórganlle até 26 dos 76 escanos italianos, por riba dos 24 que sacaría a CDU de Merkel). O lema de Salvini foi “Primeiro os italianos”, moi semellante ao “America First” de Donald Trump.

 Os aliados de Salvini e Le Pen en Europa son Fidesz de Víktor Orban en Hungría (Primeiro Ministro), o Partido da Liberdade de Austria (FPÖ, tamén cogobernando), Alternativa por Alemaña (AfD, xa co 13% dos votos no Parlamento alemán), o Partido da Liberdade de Geert Wilders en Holanda (segundo grupo parlamentario), Lei e Xustiza de Polonia (PiS, tamén gobernando) ou os ultras de Amencer Dourado en Grecia, entre outros.

 As incorporacións máis recentes á vaga ultradereitista europea producíronse durante o mes de abril en Finlandia, onde os Verdadeiros Finlandeses quedaron cun 17,5% dos votos a apenas 2 décimas de gañar as eleccións xerais, e no Estado español, onde, aínda que Vox non entrou no Parlamento español con tanta forza como os seus aliados europeos (24 deputados e unha proxección de 5 eurodeputados) si correu cara á dereita o debate político estatal.

 E para engadir outro factor que permita entender os resultados do 26 de maio, hai que ter en conta que, ao non se ter producido o Brexit, haberá tamén eleccións no Reino Unido, e o Brexit Party de Nigel Faradel (ex UKIP) podería gañalas. Faradel, do mesmo xeito que Salvini ou Vox, foi asesorado por Steve Bannon, e sería un elemento cohesionador para un gran grupo da extrema dereita euroescéptica.

 É por iso polo que estas eleccións ao Parlamento Europeo de 2019, a 30 anos da caída do Muro de Berlín, son decisivas para o proxecto de construción europea desde os pobos. É necesario combater o proxecto da ultradereita europea que, malia que poidan ter algunhas diferenzas entre eles (en torno aos dereitos civís, ou o modelo económico), comparten un nacionalismo excluínte e racista que lexitima, entre outras moitas cousas, o maior cemiterio de migrantes do mundo en que se converteu o Mediterráneo (calcúlase uns 2.000 migrantes afogados por ano desde o 2000).

 As políticas de seguridade e migración serán un dos eixes de batalla nesa Unión Europea dos estados e o capital, que, aínda que marcou pequenas diferenzas con Estados Unidos en política exterior, sobre todo na relación con Irán ou Cuba, podería radicalizar e dereitizar (aínda máis) as súas políticas tralas eleccións do 26 de maio.

 Ao mundo multipolar que cada vez se desprega con máis intensidade sobre o taboleiro de xogo xeopolítico contraponse un triángulo tenebroso conformado por Trump en Estados Unidos, Bolsonaro en Brasil, e a extrema dereita en Europa, triángulo sobre o que debemos estar alertas en América Latina.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 13 de maio de 2019]