A un día do cambio, o persoal de mantemento de Navantia non recibiu comunicación para incorporarse ás novas empresas

Os traballadores critican o desleixo de Navantia en todo o proceso e lembran que deben ser subrogados
Ferrol - 31 Mar 2021

Este mércores, a UTE Tecman-Rayma comunicou ao comité que dende hoxe deixa de ocuparse do servizo de mantemento das instalacións de Navantia na Ría de Ferrol, que a partir do 1 de abril pasarán a asumir as novas empresas adxudicatarias do contrato: Electrorayma, Pine, UTE Ferrovial-Fluidmecánica, Gam e Mayclifer. Porén, ningún dos traballadores afectados recibiu aínda comunicación por parte das novas empresas para incorporarse aos seu posto de traballo, "co prexuízo que isto supón non só a nivel persoal se non á hora de facer o noso traballo".

Este persoal ten recoñecido no convenio colectivo de siderometal da Coruña o dereito á subrogación, polo que estas empresas deberán asumir en cada caso os traballadores que lle foron asignados, procedentes da anterior adxudicataria.

Atropelo aos dereitos

Dende o comité denuncian que esta maneira de proceder afonda "no despropósito que foi todo este proceso de licitación, no que os representantes dos traballadores fomos vetados e mantidos á marxe, malia estar directamente afectados". Neste senso, apuntan á responsabilidade de Navantia como empresa pública que licita o contrato e que debera respectar os dereitos laborais do persoal. "Feito este polo que imos presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo" para que actúe diante deste atropelo.

Critican con dureza o xeito de actuar da dirección de Navantia, que xa licitou o servizo dun xeito moi diferente a como se fixo noutros centros do resto do Estado, fragmentando o contrato en varios lotes e limitando o número de paquetes aos que podía acceder un mesmo licitador.

Este modelo provoca que os 56 traballadores da actual UTE non poidan ser subrogados en conxunto á nova empresa, desfacendo así un cadro de persoal moi reivindicativo e eliminando un comité caracterizado pola súa capacidade de loita. De feito, os traballadores da UTE Tecman-Rayma desenvolveron unha folga durante 50 días para esixir a Navantia a retirada dos pregos e unha nova licitación respectuosa cos seus dereitos.

"Froito do pasotismo desmedido da dirección de Navantia", denuncian, "atopámonos agora nesta situación", sen comunicación para incorporarse nas empresa "e con varias das novas  adxudicatarias aínda sen ter asinado o contrato coa empresa naval".