A única saída para Alcoa é a adquisición pública

As industrias electrointensivas, cunha importante implantación no noso país, atravesan unha grave crise á que nin o Goberno español nin o galego son capaces de dar solución. O pasado 26 de abril asistimos a un novo capítulo da confusión e das mentiras nas que está inmerso o Executivo do PSOE, ao constatarse que o último Consello de Ministras/os non aprobaría o Estatuto do Consumidor Electrointensivo, malia así terse comprometido.

Non avanzar na creación dun novo marco regulador da enerxía complica unha saída para as fábricas de Alcoa na Coruña e Avilés, mais tamén engade incerteza ao futuro de Ferroatlántica (con ERE nas plantas de Sabón e da Costa da Morte e que volve teimar na venda das centrais hidroeléctricas) e para as instalacións de Alcoa-San Cibrao. 

O secretario xeral da CIG sinala a responsabilidade do Goberno central e da Xunta nesta situación

Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, insistiu en que o Goberno español "non pode ser benvido en Galiza mentres non haxa solucións que garantan o mantemento dos empregos e da actividade produtiva na nosa industria", mais tendo en conta que o noso país produce e exporta enerxía.

Pero Carril apuntou tamén á responsabilidade da Xunta e de CCOO e UGT nesta situación "porque coas súas actuacións contribuíron a lexitimar as mentiras do Goberno español e a facilitar o calendario de peche que Alcoa puxo enriba da mesa". Lembrou que a CIG non asinou o acordo do ERE porque non existían garantías de rearranque das cubas de electrólise nin da continuidade do empregos a partir do 30 de xuño.

Neste escenario, afirmou que a única saída viábel para as fábricas de Alcoa pasa pola súa adquisición pública, a través da SEPI, en tanto non haxa un marco enerxético estábel. Esta posibilidade é legal e viábel (así o acredita o informe encargado pola CIG á Universidade da Coruña), e ten precedentes en Europa, como o caso da planta de aluminio de Portovesme.

Próximas mobilizacións

A CIG continuará o 23 de maio o calendario de mobilizacións para esixir solucións para as electrointensivas cunha protesta, ás 18:00 horas, en Celsa Atlantic (A Laracha), e o 6 de xuño en Alcoa A Coruña.

Volver