A unidade de reparto de Correos en Bueu volve mobilizarse ante a sobrecarga de traballo por falta de persoal

A CIG denuncia a acumulación de máis de 10.000 envíos sen entregar
Bueu - 04 Feb 2026

As persoas traballadoras de reparto de Correos en Bueu desenvolveron hoxe unha nova concentración diante da oficina da rúa Pazos Fontenla co apoio da CIG para denunciar a sobrecarga laboral que padecen por falta de persoal e reclamar a cobertura das prazas vacantes e a substitución das ausencias.

Na anterior mobilización, que tivo lugar hai un mes, cifraran en máis de 15.000 os envíos amoreados no centro de traballo, a pesar do que a dirección da empresa pública deixou só dous efectivos na unidade para efectuar o reparto de todo o concello.

A día de hoxe, a pesares de terse incorporado as dúas persoas traballadoras que estaban gozando de permisos, a falta de persoal segue a provocar que haxa máis de 10.000 envíos sen entregar, co conseguinte prexuízo para unha veciñanza da localidade “que está a recibir as comunicacións cos prazos vencidos, e perdendo incluso citas médicas ao chegárenlles as notificacións con posterioridade”.

Dende a central sindical lamentan a desidia dos responsábeis do servizo postal diante da acumulación de envíos pendentes de saír a reparto, “recaendo sobre os compañeiros/as que están neste intre na oficina toda a responsabilidade e a sobrecarga de traballo”.

Sen carteiro/a titular

Lembran que na actualidade todo o casco urbano da vila carece de carteiro/a titular, o mesmo que os lugares da Carrasqueira, Ramorta, Achadiza, Cabalo, Ruanova de Abaixo, Ruanova de Arriba, Costa de Figueirón ou Praia de Beluso. “Estas zonas están encadradas nas tres vacantes que hai na oficina tras as sucesivas xubilacións que se foron encadeando sen que Correos repuxese o persoal necesario”.

Precisamente este pasado luns día 2 o pleno municipal de Bueu aprobou por unanimidade unha moción para instar a Correos á mellora do servizo. “Ademais, todos os grupos parlamentarios amosaron o seu apoio ao persoal da unidade de reparto e trasladaron o seu apoio ás distintas mobilizacións que se están a levar a cabo”.