Unión Comarcal de Ourense inicia campaña co lema 'É o momento de recuperarmos dereitos coa CIG'

O obxectivo é reconquistar coa negociación colectiva as melloras laborais perdidas nos últimos anos
- 29 Nov 2017

A Unión Comarcal da CIG de Ourense presentou hoxe en rolda de prensa os detalles dunha campaña que vén de poñer en marcha co obxectivo de recuperar mediante a negociación colectiva as melloras laborais perdidos nos últimos anos. A iniciativa, que se desenvolverá baixo o lema 'É o momento de recuperarmos dereitos coa CIG', contará coa participación de todas as federacións e da Executiva Comarcal.

Segundo explicaron os responsábeis da central en Ourense durante o acto de presentación, o obxectivo da campaña é reconquistar as melloras perdidas nestes últimos anos e recuperar o poder adquisitivo das persoas traballadoras. “Atrás quedan os anos da resistencia. Comeza o contraataque”, resumiron.

Ao mesmo tempo, anuncian que promoverán a negociación dos convenios de sector de comercio do metal, comercio da pel e téxtil, transporte de viaxeiros/as e mercadorías, construción, carpintería e hostalaría, sector que emprega a 5.500 persoas na provincia.Así, lembraron que neste último ano xa foron quen de desbloquear, mediante a mobilización, convenios tan importantes como o do siderometal, que ocupa a 11.500 persoas, e o da limpeza. “Tamén negociamos outros como o do comercio de alimentación, materiais de construción ou panaderías”.

Tamén no sector público

No sector público, cun alto peso na economía ourensá e que emprega na provincia a 23.400 persoas, “apostaremos por negociar convenios en todos os concellos da provincia que carecen del, situación que facilita a arbitrariedade dos diferentes Gobernos municipais”.

Ademais, salientan “empresas singulares” con convenio propio, como é o caso de Ecourense UTE, que se encarga da recollida do lixo na cidade, na que a patronal, despois de dous anos de negociación, está a ofrecer un incremento cero e anunciando recortes e modificacións substanciais das condicións de traballo (axustes, descolgues, ERE, etc.). 

Atrás quedan os anos da resistencia. Comeza o contraataque

“En definitiva, a CIG vai abandeirar novamente a negociación colectiva, un dos principais logros da clase traballadora na historia, fomentando a participación das persoas afectadas na toma de decisións e na propia negociación, e recuperando dereitos sociais e poder adquisitivo”, indican

Neste senso, sinalan o exemplo das traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra, “que acaban de demostrar que a unidade obreira nos fai invencíbeis e que é o único camiño que temos para conquistar unhas condicións de vida dignas”.