A Unión Europea baixo control de Washington

Hedelberto López Blanch - 07 Xun 2022

Un dos perigos para Europa de fomentar a crise en Ucraína levará consigo perder de vez a súa autonomía de seguridade e pasar a “depender totalmente do paraugas dos Estados Unidos”

 Moitos analistas consideran que a Unión Europea (UE) xogou un triste papel durante o conflito entre Rusia e Ucraína ao seguir as exixencias de Washington para cercar económica e financeiramente o xigante euroasiático no seu intento por debilitalo, o que até o momento non lle deu resultado.

 Europa uniuse ao carro estadounidense de apoiar Ucraína e impoñer extorsións a Moscova (chamadas eufemisticamente “sancións”) e esas medidas están a provocar o seu propio debilitamento económico, ademais de divisións internas dentro do bloque.

 Mentres varias nacións europeas e mesmo o alto representante da Unión para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, insisten en levar ao máximo as extorsións e desligarse do petróleo e gas rusos, outros apostan por manter os abastecementos de combustíbel desa nación pois se eliminan eses abastecementos os seus gobernos e pobos sufrirían enormes dificultades.

 Sun Keqin, investigador dos Institutos de Relacións Internacionais Contemporáneas de China, explicou recentemente que se Europa continúa coas políticas de sancións e apoio a Ucraína, «mancarase máis e os países europeos estarán aínda máis divididos».

 E é que un dos perigos para Europa de fomentar a crise en Ucraína levará consigo perder de vez a súa autonomía de seguridade e pasar a “depender totalmente do paraugas dos Estados Unidos”.

 Desde que o presidente Vladimir Putin anunciou pagar os combustíbeis só en rublos, debido ás numerosas medidas coercitivas impostas por Occidente ao seu país, as contradicións dentro da Unión Europea deron en agudizarse.

 Washington, cunha política totalitaria imperial, presiona para que non se lle compre a Moscova os hidrocarburos con rublos porque fortalecería esa moeda, pero moitos europeos xa se senten coa corda ao pescozo se non aceptan esas condicións.

 Como consecuencia directa, se eles mercan o gas estadounidense a prezo moito máis elevado, ademais de aumentar a dependencia económica e política que xa padecen de Washington, os consumidores sufrirían as consecuencias e quitaríalle competitividade ás empresas e produtos da Unión Europea.

 Estudos realizados por organismos financeiros indican que, ao dispararse os prezos por déficit de enerxía, a produción de fertilizantes, vidro, siderurxias e outros, en diferentes países da Unión se retardou ou detivo como ocorreu no Estado español, Francia, Italia e Austria.

 Por exemplo, en Italia eleváronse os custos de produción de viños nun 35 % pola cortiza, tapa, etiqueta, botella e transporte marítimo e de estrada.

 No Reino Unido o prezo dun prato de comida con peixe branco, que se importaba de Rusia, aumentou en 38 %.

 Compañías que exportaban mercadorías a Rusia tamén sufriron perdas como os calzados italianos, os viños españois ou as cervexas alemás.

 Desde hai décadas, gas e petróleo do xigante euroasiático estiveron presente en toda a vida da sociedade europea e úsanse nas industrias, fábricas, calefacción, vivendas, oficinas, transporte e telecomunicacións.

 A suspensión do abastecemento, só do gas ruso, representaríalle á Unión unha perda de 300 000 millóns de dólares.

 Só polas ameazas de ruptura total do fornecemento dos hidrocarburos provenientes de Rusia, nove membros do bloque viron como a inflación lles está ocasionando graves problemas.

 Os máis afectados foron Estonia con 19 %; Lituania (16,8%); Bulgaria (14,4 %); a República Checa (14,2 %); Romanía (13,8 %); Letonia (13 %); Polonia (12,4 %) e Eslovaquia (11,7%).

 As contradicións comezan a aflorar pois, segundo a rede financeira Bloomberg, o número de empresas europeas compradoras de gas, baixo as condicións rusas duplicouse.

 

Xa son 20 as compañías europeas que abriron contas en Gazprombank JSC para poder pagar o gas en rublos e outros 14 clientes solicitaron a documentación necesaria para proceder á apertura, ou sexa, están rexeitando as directrices de Washington e de Bruxelas opostas a esa forma de pagamentos.

 Entrementres, Moscova está ampliando o seu comercio de combustíbeis cara á rexión de Asia pacífico onde existe unha enorme demanda.

 Moitos especialistas sinalan que se Europa Occidental persiste en non comprar os hidrocarburos rusos, terá que se enfrontar a unha crise de 10 anos en materia de enerxía, alimentos, refuxiados e inflación, o cal pode producir unha axitación social nas súas nacións, e mesmo unha división no bloque, xa de seu medio desfeito.

 Caro lle está a custar a Europa Occidental seguir cegamente as orientacións da Casa Branca.

 

[Artigo tirado de Rebelión, do 6 de xuño de 2022]