"A Unión Europea debe asumir os seus principios elementais para garantir a paz do pobo venezolano"

Comunicado da Rede Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana

Internacional -

A Rede Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana, da que a CIG forma parte, vén de emitir un comunicado diante da posición da UE de apoio ao golpe de estado en Venezuela. Dende a Rede demándase da institución europea "aplicar o principio de legalidade, non inxerencia nos asuntos internos doutro país, respectando o dereito internacional e a Carta das Nacións Unidas, así como asumir posicións que promovan o diálogo e paz en Venezuela para evitar calquera circunstancia que poida levar a enfrontamentos entre a poboación venezolana".

COMUNICADO:

A Unión Europea debe asumir os seus principios elementais para garantir a paz do pobo venezolano

As máis de 80 organizacións que agrupamos a Rede Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana queremos rexeitar a posición da Unión Europea de apoiar o golpe de estado en Venezuela, así como repudiar os pronunciamientos dalgúns países que a conforman que teñen manifestado publicamente o recoñecemento de Juan Guaidó como presidente interino, nun proceso de transición, en Venezuela. Feito que, reiteramos, viola as leis venezolanas e o dereito internacional.

Estas accións demostran unha submisión aos intereses dos Estados Unidos, que estivo á cabeza do golpe de estado que se está levando a cabo en Venezuela, así como na presión internacional para tratar de dobregar o Goberno Bolivariano e afogar ao pobo venezolano, produto das medidas coercitivas que se lle impuxo a esta nación sudamericana.

Así mesmo, demostra como a situación de Venezuela levou ao seo da Unión Europea posicións enfrontadas,  que vulneran os principios elementais das relacións internacionais ou a diplomacia desta institución. Tal e como din os principios e o marco constitucional da acción exterior da Unión Europea, esta debería velar "pola promoción e consolidación da democracia, o Estado de Dereito, os dereitos humanos e o dereito internacional; o mantemento da paz e a prevención de conflitos, buscando unha maior seguridade internacional e no marco da Carta da Organización de Nacións Unidas".

Neste sentido, esixímoslle á Unión Europea respectar os seus principios. Aplicar o principio de legalidade, non inxerencia nos asuntos internos doutro país, respectando o dereito internacional e a Carta das Nacións Unidas, así como, asumir posicións que promovan o diálogo e paz en Venezuela para evitar calquera circunstancia que poida levar a enfrontamentos á poboación venezolana.

Finalmente, esiximos que esta institución debe asumir posicións como a de México, Uruguai, o Papa e o Secretario Xeral de Nacións Unidas, Antonio Gutierres, que mostran que pode haber iniciativas de intermediación que contribúan a mediar para a boa solución dos seus conflitos.

Non ao golpe de estado en Venezuela!
Respecto á soberanía de Venezuela!
Non á guerra!
Polo diálogo e a paz!

Volver