A Unión Europea, do pasado colonial ao presente neocolonial

Sergio Ferrari - 24 Mai 2024

Aínda que o poder militar da Unión Europea palidece en comparanza co dos Estados Unidos, continúa poñéndose ao día e segue adiante cos seus plans de se converter nun actor de “poder duro” en lugar de proporcionar un contrapeso mediante a vía diplomática

 Nos últimos vinte anos a Unión Europea promoveu máis de corenta misións exteriores na Europa extracomunitaria, África e Medio Oriente. O debate sobre guerra-paz e o rol militar europeo vólvese central nunha rexión malferida pola confrontación Rusia-Ucraína. Temática que podería influír nas eleccións ao Parlamento Europeo do 6 ao 9 de xuño próximo, con votos de castigo ou de apoio aos partidos máis belicistas.

Un compás sen moito rumbo

 A política exterior e de seguridade común da Unión Europea, definida no Tratado de 1993 e actualizada polo Tratado de Lisboa de 2007, busca “preservar a paz, reforzar a seguridade internacional, promover a cooperación internacional e consolidar a democracia, o Estado de Dereito, os dereitos humanos e as liberdades fundamentais”.

 O seu respaldo financeiro bríndao o Fondo Europeo de Apoio á Paz, instrumento extraorzamentario que se desenvolveu en 2021 e que procura “reforzar a capacidade da Unión Europea de previr conflitos, consolidar a paz e reforzar a seguridade internacional”. Na práctica, o devandito fondo posibilita o financiamento de accións operativas “que teñan repercusións no ámbito militar ou da defensa”.

 Caracterizadas como servizos de intensidade baixa a media, estas misións exteriores implican a subministración de adestramento e equipo militar aos exércitos nacionais. Para o período 2021-2027 contan cun teito de 17.000 millóns de euros (uns 18.500 millóns de dólares). Desta cantidade, 11.000 millóns de euros (uns 11.800 dólares) destináronse ás forzas armadas ucraínas desde que estalou o conflito con Rusia.  Apoio que supera os 32.000 millóns de euros (34.500 millóns de dólares) se se contabilizan os recursos destinados pola Unión Europea e a asistencia bilateral asegurada polos diferentes Estados europeos.

 Conceptualmente, a nivel de seguridade e defensa, a Unión Europea implementa o denominado “Compás Estratéxico”, o cal clarifica e orienta a política común nese apartado e ademais estabelece unha visión común dos seus principais riscos e desafíos a curto e medio prazo. Os seus catro alicerces declarados: traballar de maneira asociativa, investir, actuar e garantir a seguridade.

 A partir de febreiro de 2022, e tan axiña como estalou o conflito ruso-ucraíno no confín oriental da Unión Europea, os seus Estados membros expresaron a súa determinación de “aumentar o gasto de defensa e investir da maneira máis eficaz co fin de protexer mellor a UE e protexer os seus cidadáns, aumentar a capacidade e a preparación xeral da UE en materia de defensa e reforzar a base tecnolóxica e industrial da defensa europea”. Desde o primeiro día desta confrontación, a UE e a OTAN, incrementaron os seus esforzos e a súa cooperación, “demostrando unha unidade sen físgoas” a favor de Ucraína.

Un só bloque á occidental

 O pasado 6 de maio, a Unión Europea e Ucraína decidiron dar un paso máis cara a diante na súa cooperación mutua en materia de industria militar e asegurar o financiamento necesario para armar a Ucraína coa maior celeridade. Así o acordaron nun Foro en Bruxelas Josep Borrell, ministro de Asuntos Exteriores e Seguridade da Unión Europea e Thierry Breton, comisario europeo para o Mercado Interior. Altos funcionarios de Kiev e uns 400 representantes gobernamentais e de empresas do sector militar participaron no Foro. A capacitación do persoal militar ucraíno forma parte desta misión militar de apoio: até o momento, 47.000 soldados ucraínos foron adestrados pola Unión Europea. Nos próximos meses, este número chegará a 60.000.

 Dous días despois do Foro de Bruxelas, os embaixadores dos Estados membros da Unión Europea acordaron destinar a Ucraína uns 3.000 millóns de euros complementarios (uns 3.240 millóns de dólares) para a súa recuperación e defensa. Este acordo, que agarda ratificación polos respectivos ministros, utilizará os intereses xerados polos activos rusos conxelados pola Unión Europea como parte das súas sancións a Moscova. Trátase duns 210.000 millóns de euros (aproximadamente 226.000 millóns de dólares).

Misións externas da UE sen éxitos significativos

 Aínda que o apoio da Unión Europea a Ucraína foi a súa prioridade principal desde 2022 en diante, xa en 2003 interviñera na entón República Iugoslava de Macedonia. Na actualidade, a Unión Europea sostén 24 misións, 10 das cales son militares.

 Resultado dunha investigación de alto nivel, o 8 de maio o Transnational Institute (TNI), con sede en Ámsterdam, publicou un informe baixo o título “Baixo o radar. Vinte anos de misións militares da Unión Europea”. No mesmo argumenta que, aínda cando estas misións da diplomacia europea están impulsadas polo compromiso de mellorar a situación de seguridade en países fóra da súa propia xurisdición, en realidade teñen pouco que ver coa promoción de paz, prosperidade e seguridade destes. Noutras palabras: o que máis lles interesa é favorecer os propios intereses da Unión Europea, aínda que isto vaia en detrimento de os intereses dos países onde se estabeleceron.

 Segundo o TNI e como contexto interpretativo conxuntural, “A resposta da UE á invasión rusa de Ucraína e, máis recentemente, ao xenocidio de Israel en Gaza, non pasou desapercibida para os europeos, moitos dos cales saíron ás rúas para protestar pola complicidade da UE na guerra e o xenocidio”.

 O informe tamén documenta que nos últimos 20 anos estas operacións militares pouco contribuíron á resolución de conflitos. É o caso, por exemplo, de Bosnia e Herzegovina, que alberga a misión máis antiga da Unión Europea, e onde as tensións subxacentes arraigadas en cuestións políticas non resoltas non se puideron resolver mediante o despregamento de persoal militar. Aínda máis: nalgúns casos, exacerbáronas. Como na rexión africana do Sahel, onde a Unión Europea despregou sete misións militares nas últimas dúas décadas (tres seguen activas). Tanto a escasa efectividade destas misións militares como problemas adicionais resultantes destas, evidencian que a Unión Europea prioriza os seus propios intereses por riba dos dos países anfitrións. Todo isto leva o Transnational Institute a comentar criticamente que a Unión Europea carece dunha metodoloxía axeitada e aceptada para avaliar a eficacia das súas misións, ao tempo que esta mesma “admite que logrou poucos dos seus obxectivos declarados”.

 Segundo o TNI, as misións europeas no estranxeiro tamén causaron outro tipo de problemas, como golpes de estado, e non só nos países onde se fixeron presente, senón tamén en estados veciños. En África, por exemplo, durante os últimos 20 anos numerosas forzas militares adestradas baixo os auspicios da Unión Europea acabaron perpetrando graves violacións de dereitos humanos ou participando en golpes de estado. Moçambique é, quizais, o exemplo máis recente e notorio, aínda que de ningunha maneira excepcional.

 Mais isto non é todo. A pesar do seu principio declarado de defender o Estado de Dereito, a Unión Europea con frecuencia apoiou gobernos corruptos e autoritarios, ou cun historial moi pobre en materia de dereitos humanos, con tal de preservar os seus propios intereses políticos e económicos. “Isto é imprudente e irresponsábel e unha traizón aos valores que a Unión Europea di defender”, argumenta o informe do TNI.

 En ocasións, as misións militares europeas no estranxeiro causaron outro tipo de problemas. Tal foi o caso das dúas realizadas en Somalia, as cales operan en terra e patrullan as augas costeiras. En lugar de aliviar a situación local exacerbárona, culminando así coa expulsión da comunidade local da súa propia terra e a perda dos seus medios de vida, como o é a pesca a pequena escala, agora en mans de grupos armados e totalmente fóra do control estatal. Pola súa banda, a misión máis recente da Unión Europea no Mar Vermello e en resposta á interrupción hutí das rutas marítimas en represalia polo ataque israelí a Gaza, tamén exemplifica a maneira en que a Unión Europea protexe os seus propios intereses.

Historia colonial condiciona o presente imperial

 Os conflitos máis importantes os últimos dous anos –Rusia-Ucraína, 2022, e Franxa de Gaza, 2023– ademais evidencian, segundo o TNI, que a Unión Europea se aliñou coa axenda xeopolítica estadounidense e que calquera lixeira diferenza coa mesma foi puramente retórica. Noutras palabras: as accións das entidades afiliadas á OTAN a ambas as beiras do Atlántico seguen amplamente aliñadas. Feito para nada sorprendente pois en practicamente todos os países da Unión Europea hai bases militares estadounidenses, algunhas das cales –do mesmo xeito que as existentes no Reino Unido– mesmo albergan armas nucleares.

 Aínda que o poder militar da Unión Europea palidece en comparanza co dos Estados Unidos, continúa poñéndose ao día e segue adiante cos seus plans de se converter nun actor de “poder duro” en lugar de proporcionar un contrapeso mediante a vía diplomática. Para o TNI, esta postura amosa unha coherencia histórica “dado que varios dos Estados membros da UE foron fundamentais na colonización de África, Asia e as Américas e continúan operando desde unha lóxica colonialista e imperialista, como o demostra o enfoque adoptado cara a Israel, un país colonialista”.

 O estudo do TNI sinala outras tres consecuencias negativas das operacións militares impulsadas ou sostidas pola Unión Europea. En primeiro lugar, debido á maneira como se estabelecen e operan, socavan estruturas multilaterais, como as Nacións Unidas e os Estados e sistemas nacionais e rexionais. En segundo lugar, adoecen dunha grave falta de supervisión democrática. O Parlamento Europeo, a única institución europea elixida democraticamente, ten un poder de decisión moi limitado en relación coa política exterior. Desde hai varios anos, as misións militares fináncianse a través dun fondo extraorzamentario máis aló de calquera escrutinio democrático. Por último, escapan ao control xudicial debido a que a Unión Europea carece dunha organización que as sancione legalmente a nivel interno ou externo. Tampouco caen baixo a xurisdición do seu Tribunal de Xustiza ou do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, o cal se aplica soamente aos Estados membros. Adicionalmente, e a maneira de epílogo, o estudo publicado polo TNI critica a falta de información dispoñíbel sobre cuestións militares e de defensa, como un detalle dos gastos e o número de vítimas produto das devanditas misións, entre outros.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 21 de maio de 2024]