A Unión Local da CIG do Baixo Miño celebra este venres a súa III Asemblea

No encontro que terá lugar no Rosal elixirase secretario e nova Executiva
Vigo - 12 Xul 2017

A Unión Local da CIG do Baixo Miño celebrará a súa III Asemblea este venres 14 de xullo no Restaurante Juan do Rosal ás 19:00 horas, na que participarán os 39 delegados/as elixidos/as pola afiliación da central sindical e os seis membros da actual Executiva.

No encontro tamén se presentará o informe de xestión da Executiva saínte, no que se resume a actividade desenvolvida dende o 2013 e procederase á renovación da Executiva, composta por sete membros, incluíndo o responsábel da Unión Local do Baixo Miño. Ao proceso concorre unha única lista, encabezada polo actual secretario da Unión Local do Baixo Miño, Serafín Fernández Portela.

A III Asemblea da Unión Local do Baixo Miño terá lugar, tal e como fixan os estatutos da CIG, unha vez celebrado o Congreso Confederal e a Asemblea Comarcal da CIG de Vigo.

Dende a CIG do Baixo Miño explicaron que no actual contexto de profunda crise sistémica, no que o agravamento e a radicalización das políticas antiobreiras e antisociais do PSOE e do PP non fixeron máis que endurecer as condicións de vida da clase traballadora, “a CIG é a única ferramenta da que dispomos no Baixo Miño para defender as nosas condicións de vida e para facerlle fronte aos ataques da patronal”.