A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixe a Serafín Fernández Portela como secretario da Unión Local

No proceso celebrado este sábado no Centro Cultural da Guarda tamén se renovou a Executiva e marcáronse as liñas de traballo dos vindeiros anos
A Guarda - 15 Dec 2025

A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixiu este sábado a Serafín Fernández Portela como secretario da Unión Local. No proceso celebrado no Centro Cultural da Guarda e no que participaron 35 persoas tamén se renovou a Executiva e definíronse as principais liñas de traballo que orientarán a acción sindical no vindeiro período.

O Informe de Xestión da anterior Executiva, que repasa a a actividade desenvolvida ao longo dos últimos, foi aprobado por 30 votos a favor, 1 en contra e 3 abstencións. Mentres que a candidatura de consenso que encabezaba Fernández Portela sumou 30 votos a favor e 3 en branco, o mesmo resultado colleitado pola lista de persoas que integran a Executiva.

No encontro tomou a palabra tanto o novo secretario da Unión Local como o secretario comarcal da CIG, de Vigo, Alberto Gonçalves, que salientou a importancia da xornada de debate “para seguir avanzando na consolidación dunha ferramenta fundamental para a clase traballadoras galega como é a CIG”.

Composición da nova Executiva da CIG do Baixo Miño:

-Serafín Fernández Portela.

-Olga Orduña Pereira.

-Rosa María Salgueiro Fernández.

-María Carmen Martínez Rodríguez.

-Antonio Álvarez González.

-Francisco Campo Lago.

-Xulio Vicente González.