• Nova

A V Asemblea da FGAMT-CIG de Vigo reelixe a Suso García como secretario comarcal

Tamén se renovou a Executiva e escolléronse os representantes dos restantes organismos de dirección
Vigo - 03 Dec 2021

A V Asemblea da FGAMT-CIG de Vigo celebrada hoxe no local do sindicato na cidade reelixiu a Suso García como secretario comarcal por unanimidade, ademais de renovar a Executiva e escoller os representantes na dirección comarcal e na dirección nacional da federación.

A nova Executiva comarcal da FGAMT-CIG está formada por Xesús García Couso, Rebeca Mariño Posada, Carlos Martínez Lamosa, Isabel Leite Sequeiros, Anxo Iglesias Covelo, Lucía Bargiela Rodríguez, Alberto Blanco Rodríguez, Verónica Bernárdez Carballo e Pablo Insua Rodríguez.

O propio secretario comarcal encargouse de presentar o Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado tamén por unanimidade. No documento faise un repaso analítico polos principais sectores que conforman a federación, ao tempo que se debullan os principais retos de cara aos vindeiros catro anos.

Saliéntase o feito de que o período anterior estivo marcado por unha intensa conflitividade laboral, facendo mención especial á negociación dos convenios de ambulancias, elaborados do mar ou das conservas de peixe, así como ás loitas en defensa do persoal falso autónomo de Servicarne-Figolouro, contra o acoso laboral e sexual en Pescanova ou polos despedimentos en Transportes Ojea e Faibus.

Tamén se incide no aumento da afiliación e do número de delegados/as rexistrado nos últimos catro anos, o que colocou a FGAMT-CIG como segunda forza sindical da comarca tras superar a UGT en representatividade.

En canto aos retos de futuro, apóstase por facilitar aínda máis a participación da afiliación e dos delegados/as na toma de decisións da federación mediante a celebración dun maior número de asembleas, así como por incrementar a formación sindical e fortalecer a organización para dar unha resposta máis áxil e efectiva ás necesidades da clase traballadora da bisbarra.