A Valedora do Pobo admite a queixa da CIG-Saúde pola situación da pediatría itinerante que atende as crianzas do sur de Lugo

A central presentou escrito ante a falta de solucións e a vulneración do dereito á saúde das cativas e cativos
Chantada - 19 Xun 2026

A Valora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada pola CIG-Saúde de Monforte pola desatención sanitaria e a vulneración dos dereitos das crianzas menores de 15 anos no sur de Lugo, que dende o 27 de maio carecen do servizo de pediatría itinerante pola falta de cobertura estábel. No escrito de resposta, a Valedora informa que lle requiriu á Consellaría de Sanidade para que no prazo de 15 días lle achegue toda a información relativa a esta problemática.

Este servizo atenda a  máis de 1.000 nenas e nenos dos concellos do Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón, Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso de Caurel, cunha media de nacementos de 3/4 ao mes, e con axendas en centros de saúde que poden superar a media de máis de 25 crianzas cada día.

A CIG-Saúde explica de Monforte explica que ante a problemática xurdida pola ausencia da pediatra itinerante, previsibelmente por un longo prazo de tempo, a solución facilitada pola dirección da Atención de Primaria de Lugo foi:

  • O xoves 28 de maio derivar os/as nenos/as do Saviñao ao Servizo de Pediatría de Chantada en quenda de tarde en modalidade de prolongación de xornada de 4 horas.
  • O mércores 03 de xuño citar os/as cativos/as dos Concellos de Bóveda, Pobra de Brollón, Ribas de Sil, Folgoso de Caurel e Quiroga no centro de saúde de Monforte, cunha prolongación de xornada de 2 horas
  • O xoves día 04 de xuño, 4 horas de prolongación de xornada en Chantada para as crianzas do Saviñao. 

O resto dos días do mes de xuño do 2026, segundo directrices de dirección de AP, consultas dos días 9-16-25 con axendas de catro horas no centro de saúde de Chantada,  centralizando todos os centros de saúde de Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón, San Clodio, Quiroga e Folgoso de Caurel.

Desprazamentos de até 100km

“En resume, indica a CIG-Saúde, toda a pediatraía pediatría itinerante foi e irá ao C.S de Chantada, que dista uns 85 km de Folgoso do Caurel, uns 100 km de Seoane do Caurel ou uns 60 km de San Clodio e Quiroga, e así sucesivamente”. Engaden que está habendo moitos nacementos de crianzas “e hai que facer as revisións aos 15 días, 1 mes, 2 meses, 6 meses, 9 meses e 12 meses”.

En vista da gravidade da situación na que se atopan as máis de 1.000 crianzas dos concellos afectados, a CIG-Saúde Monforte decidiu presentar unha queixa na Valedora do Pobo o pasado 10 de xuño por “vulneración do dereito á saúde e equidade dos/as nosos/as nenos/as”. O día 16 recibiuse notificación de actuacións por parte da institución indicación que se iniciaban as actuacións oportunas.