A VIII Asemblea da CIG de Lugo-A Mariña reelixe a Antonio Niño como secretario comarcal

No proceso tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal
Lugo - 16 Out 2021

A VIII Asemblea Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña reelixía este sábado a Antonio Niño como secretario comarcal por 128 votos a favor, 1 branco e 1 nulo. No proceso, ao que se presentou unha candidatura unitaria, tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán a comarca no Consello Confederal. A asemblea, na que participaron 130 delegados e delegadas, tivo lugar no Auditorio Gustavo Freire baixo o lema "Forza para avanzar".

Composición da nova Executiva Comarcal

A nova Executiva (que obtivo 130 votos a favor, ningún en branco e ningún nulo) queda composta polas seguintes persoas:

1. Antonio Niño Saavedra

2. Asunción Castiñeira Fernández

3. Xorxe Caldeiro Díaz

4. Dulce Neira Fraga

5. Lois Neto López

6. Nieves Somoza López

7. Miguel Ángel Pérez Núñez

8. Laura Arrojo Reguera

9. Xosé Paz Fernández

Na súa intervención de clausura, Antonio Niño, fixo un repaso pola situación económica, social e laboral da provincia, marcada polo proceso de desmantelamento industrial no que está sumida A Mariña ante o incerto futuro da fábrica de Alcoa e o anuncio de peche de Vestas. Un deterioro do tecido produtivo agravado pola crise derivada da pandemia (que, alertou, o sistema capitalista aproveita para afondar na explotación) e por un marco legal "que mantén vixentes todas as reformas anteriores (laborais, das pensións, da negociación colectiva), porque o Goberno español e a ministra de Traballo incumpriron a súa palabra".

Advertiu Niño que afrontamos un contexto moi complexo no que, en termos sociolaborais, "parece que o peor aínda está por vir" e que a clase traballadora encara en peores condicións tendo en conta que aínda non superamos a crise anterior, que o nivel de precariedade se incrementou nestes anos e que a débeda pública está nuns niveis moito maiores. Unha realidade que na provincia de Lugo vén marcada ademais pola continua perda de poboación, o avellentamento, a emigración, o medre da precariedade e os peores salarios "que afectan unha parte importante da clase traballadora".

A isto engadiu os recortes nos servizos públicos decretados pola Xunta ou a falta de vontade do Goberno español para adoptar medidas que eviten a desfeita que suporía o peche de Alcoa e Vestas. Sobre estes conflitos, o reelixido secretario da CIG de Lugo-A Mariña denunciou a falta de vontade política do Goberno do Estado e da Xunta "que non son máis que fieis colaboradores dos oligopolios empresariais, polo que imos estar enfronte para combater e dar unha batalla pola continuidade dos postos de traballo".

Temos que superar a desmobilización, o medo e o derrotismo para avanzar na loita pola recuperación de dereitos"

Co obxectivo de reverter esta realidade, Niño chamou "a superar a desmobilización, o medo e o derrotismo para avanzar na loita pola recuperación de dereitos, con toda a determinación e a imaxinación posíbel" e na confianza de que o traballo colectivo "é o que nos vai facer seguir estando a altura na resposta sindical que temos que dar".

Un chamado á seguir no camiño da mobilización e da loita social máis necesario ca nunca, tendo en conta que xa se nos anuncian novos recortes para poder acceder ás axudas de reconstrución da Unión Europea, e que o sindicalismo español "xa renunciou hai tempo a dar ningunha batalla, converténdose en fiel colaborador do blanqueamento destas políticas, e entregado unicamente ao diálogo social que supón un impedimento para avanzar na mellora das condicións de vida".

Neste contexto, aseverou Antonio Niño, "cómpre pois, tomar conciencia da responsabilidade que temos como central sindical maioritaria no país e adoptar decisións valentes, na liña do acordado no Congreso Confederal, de cara a convocatoria dunha folga xeral se continúan impóndonos este tipo de políticas".

O secretario comarcal tivo tamén palabras de agradecemento para as compañeiras e compañeiros que se xubilaron nestes catro anos ou se van xubilar nos próximos meses, e fixo unha sentida lembranza do compañeiro Antón González, durante moitos anos referente sindical da CIG en Alúmina-Aluminio e na comarca da Mariña, finado o pasado mes de marzo.

Susana Méndez apela a intensificar o camiño da loita

Durante o acto de clausura tamén tomou a palabra a secretaria confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, quen puxo en valor o traballo e a entrega da afiliación, do corpo de delegados/as "e das compañeiras e compañeiros que coa súa militancia onte, hoxe e mañá fan da CIG a organización que é: a primeira central sindical en representatividade, en afiliación e, por suposto, en combatividade e mobilización". "Ese traballo, esa entrega, ese compromiso militante, teñen que conseguir que, aínda máis, desde a CIG sexamos capaces de transformar a realidade", aseverou.

Méndez referiu que precisamente ese compromiso militante tense que converter na "forza para avanzar" que reza o lema do VIII Congreso. "E avanzaremos se nos atrevemos, se nos lanzamos, enfrontando a explotación e a precariedade, o individualismo e a resignación, o empobrecemento e o poder, sexa político ou económico, que pretende asoballar as maiorías sociais".

A secretaria confederal de Organización reiterou que non hai outro camiño que a loita en todas as frontes: contra a precariedade e a pobreza que medran mentres se manteñen vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva; na defensa duns servizos públicos de calidade e contra a súa privatización e mercantilización; contra a españolización e o centralismo que nos afoga como nación; contra o patriarcado e a violencia machista que xenera; e contra o capital e os poderes que o serven.

"Está no noso ADN: se algo coñece todo o mundo da CIG é que somos guerreantes, que somos o sindicato máis combativo, a única central sindical da Galiza que nin se rende, nin se vende, nin se desentende", concluíu.

O Informe de Xestión chama a reforzar o proxecto sindical

Alén da renovación de cargos, na asemblea comarcal tamén se debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 122 votos a favor e ningún voto en contra nin abstención. O documento destaca como nestes últimos catro anos a CIG consolidou un papel protagonista na conflitividade laboral e na mobilización na provincia, así como a capacidade de formular alternativas e propostas para a mellora das condicións laborais e sociais da clase traballadora.

Un traballo que se reflicte no crecemento da base social, rexistrándose nestes momentos a maior afiliación da historia na comarca (dende o ano 2017 medrou case un 24%), o que garante a independencia económica do sindicato, "ademais de servir de reforzo do noso proxecto sindical e de contrapoder fronte á patronal".

Xunto a isto, hai que destacar o avance na representatividade acadado na provincia, sendo a central nacionalista a forza máis representativa na comarca da Mariña e en federacións como a FGAMT (que engloba os sectores da industria alimentaria, transporte, mar, téxtil e telecomunicacións). Así, no período comprendido entre agosto de 2017 e xullo de 2021, a CIG de Lugo-A Mariña conseguiu recortar as diferenzas con CCOO e UGT de forma considerábel, sendo aínda terceira forza sindical pero a menos de 3 puntos da primeira.

"Esta situación amosa un escenario de eleccións sindicais para o futuro absolutamente diferente ao que historicamente existía na nosa comarca e déixanos nunha posición moi reforzada de cara ao futuro", saliéntase. Ao punto que "nos permite fixar o obxectivo de ser a primeira forza sindical tamén na nosa provincia ao remate do vindeiro proceso electoral, ao igual que xa somos no resto do país".

Esta mellora é "froito do traballo colectivo", mais para avanzar en representatividade "é preciso para fortalecer o noso proxecto sindical tanto nas empresas como na sociedade", polo que se anima a actuar "cunha mentalidade ambiciosa e inconformista co obxectivo de continuar con esta progresión".

Plan de recuperación para reverter o deterioro da provincia

No informe advírtese do deterioro laboral, económico e demográfico da provincia, cun serio risco de desaparición da pouca industria que hai na comarca da Mariña, cunha continuada perda de poboación e o avellentamento desta, así como da caída da poboación activa e a redución do número de persoas ocupadas, sobre todo a xornada completa, mentres medra a contratación a tempo parcial. Esta contratación precaria leva aparellada unha baixada dos ingresos, "aumentando espectacularmente o grupo de persoas asalariadas con ingresos inferiores á metade do SMI".

Ademais, a pandemia veu agravar a crise económica, industrial e social na que xa estaba inmersa Galiza, o que fai necesario, "sobre todo na nosa provincia, defender a intervención pública na economía e nos servizos públicos, levar aos centros de traballo e á sociedade o debate sobre a necesidade de medidas de reactivación nas liña das presentadas pola CIG para unha saída galega xusta e a posta en marcha dun verdadeiro e completo plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos sectores públicos e dos dereitos laborais e sociais".

Negociación colectiva

Neste camiño cómpre recuperar tamén a negociación colectiva como ferramenta fundamental na mellora das condicións laborais e de vida, derrogando as reformas que centralizaron a negociación e lle deron prioridade aos convenios estatais, afastando dos centros de traballo a capacidade de decidir sobre as condicións laborais.

Neste senso, alértase da estratexia patronal amparada por CCOO e UGT cara ao bloqueo da negociación colectiva que provocou que haxa numerosos convenios provinciais que levan anos vencidos e sen expectativa de actualizarse no curto prazo, como  o do comercio de pel e calzado; comercio de móbeis; comercio téxtil; transporte de viaxeiros/as; industria vitivinícola; sanidade privada; oficinas e despachos ou o de confeitarías.

Necesidade dun sindicalismo combativo como o da CIG

No informe faise un repaso pola acción sindical do último período, claramente marcada pola conflitividade xerada ao redor do futuro de Alcoa San Cibrao, "cun anuncio de peche da planta de aluminio que, de se producir, suporía unha crise social e económica  de dimensións maiúsculas para a Mariña e mesmo para a totalidade da provincia"; sen que até o momento o goberno español adoptara medidas para garantir o emprego e a continuidade produtiva, nin moito menos asumira compromisos para efectivizar a intervención pública.

A este incerteza súmase agora o anuncio de peche da fábrica de Vestas, nun momento no que vivimos unha auténtica ofensiva colonizadora enerxética coa instalación de macroparques eólicos auspiciada pola Xunta, mentres permite que as industrias vinculadas ao sector pechen as súas plantas.

Neste contexto,"a necesidade dun sindicalismo combativo faise obrigada e desde a CIG estamos na obriga de sermos e estarmos á iniciativa no combate social destas graves problemáticas, así como doutras de menor calado, pero que no día a día supoñen precarización e miseria para a clase traballadora. Ante as agresións tan fortes ás que nos están a someter, temos que ser, máis ca nunca, a vangarda mobilizadora", o que supón a implicación de todo o corpo do sindicato: persoal liberado, delegadas/os e afiliación.

Fronte ao sindicalismo español "máis entregado que nunca ao pacto social e á desmobilización", o documento insta a "sermos un referente para a clase traballadora na provincia á hora de darmos un conflito, e coa nosa práctica diaria demostrar que o noso proxecto sindical non responde a ningún outro interese que non sexa a defensa dos traballadores e da traballadoras".

A CIG á cabeza da mobilización na provincia

Pero alén do conflito de Alcoa, a CIG tamén se mobilizou neste período para esixir a derrogación das reforma laboral e das pensións (cunha importante actividade por parte do colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG) e na defensa dos servizos públicos (saúde, ensino, coidados etc.); presentando propostas e alternativas centradas en avanzar nunha saída galega xusta da crise; reivindicando a creación do 4º xulgado do Social; ou promovendo a convocatoria das folgas xerais de mulleres do 8 de marzo.

De igual xeito, mobilizámonos contra os ERE e nos Banco Santander e no BBVA e o peche das oficinas bancarias; polas melloras laborais e contra o recorte de dereitos en Leche Celta de Meira, Europastry-Ingapan, Inoxidables de Rábade, EROM, as residencias de DomusVi.

Contra os despedimentos en Salutrans, Luís Iglesias-Xirón, Autos Morán, a residencia Abeiro Gold-Albertia; o ERE de H&M, o peche de Transportes Martínez Souto, polos dereitos laborais e contra o peche dos servizos de emerxencias como o GES de Guitirz e contra a precariedade dos bombeiros/as dos parques provinciais; ou polos problemas laborais no grupo Inditex.

Tamén para denunciar os atrasos ou impago dos salarios do persoal de limpeza do museo provincial, do colexio de Vilalba ou de Costiña; contra a privatización do servizo de axuda no fogar de Chantada e Monterroso, polos dereitos do persoal de SEAGA, do SPIF, das residencias públicas, e do persoal veterinario da Xunta.

As loitas para acadar convenios colectivos dignos no sector das ambulancias, das residencias privadas, da limpeza, do transporte de mercadorías e de oficinas e despachos; o duro conflito no sector da industria cárnica para que se recoñezan os dereitos do persoal falso autónomo; ou contra a represión sindical, son as algunhas as mobilizacións que se mencionan no informe.

Persoas elixidas para o Consello Confederal

A candidatura para o Consello Confederal recibiu 130 votos a favor, ningún en branco e ningún nulo, saíndo elixidas as seguintes persoas:

1. Antonio Niño Saavedra

2. Asunción Castiñeira Fernández

3. Lois Neto López

4. Dulce Neira Fraga

5. Xosé Miguel Fernández Vázquez

6. Xerardo Alvaredo Maceda