Anxo Pérez Carballo, reelixido secretario comarcal pola VIII Asemblea da CIG de Ourense

O Informe da Executiva salienta o aumento da afiliación e a mellora organizativa nos últimos catro anos
Ourense - 15 Out 2021

A VII Asemblea da CIG de Ourense que tivo lugar este sábado 16 reelixiu a Anxo Pérez Carballo como novo secretario comarcal con 94 votos a favor, 16 en branco e 3 nulos. Ao proceso asembleario concorreu unha candidatura unitaria para a Executiva Comarcal, encabezada por Pérez Carballo, que logrou 107 votos a favor, 5 en branco e 1 nulo; a lista para o Consello Confederal sumou 103 votos a favor, 13 en branco e ningún nulo. No acto celebrado en Expourense gardouse un minuto de silencio en memoria de Etelvino Blanco, quen estivo á fronte da central na bisbarra dende a súa creación en 1994.

Composición da nova Executiva Comarcal:

1. Anxo Pérez Carballo.

2. Alfonso Fernández Diéguez.

3. Xulia González Pascual.

4. José Ramón Álvarez Dacoba.

5. Xosé Rodríguez Díaz.

6. Óscar Núñez Álvarez.

7. Rosa María Fernández Muñoz.

8. Beatriz Blanco Rodríguez.

No Informe de Xestión da Executiva Comarcal saínte, que foi aprobado con 91 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións, faise un repaso da situación socioeconómica galega e ourensá e da conflitividade laboral e social dos últimos catros anos. En primeiro lugar saliéntase o proceso de renovación ao que se enfrontou a CIG de Ourense tras a marcha de Etelvino Blanco, tristemente falecido dous anos despois de abandonar a Secretaría Comarcal.

O novo responsábel comarcal e a Executiva asumiron a dirección do sindicato tras varios de “brutais recortes dos dereitos laborais e sociais; de aguantar e combater diversas reformas laborais e das pensións que empobreceron a clase traballadora; de comprobar como a negociación colectiva, ferramenta indispensábel para mellorar as nosas condicións de vida, practicamente desaparecera; de ver impotentes como unha xeración enteira da nosa mocidade tiña emigrado forzosamente para poder gañar a vida fóra do país; de aturar recortes das nosas liberdades e criminalización dos movementos sociais, veciñais e obreiros; en definitiva, de padecer un dos maiores ataques e agresións dos últimos decenios”.

Por iso se marcaron como obxectivo inmediato a recuperación de dereitos, consigna que se mantivo nos seguintes anos. “Deste xeito conseguimos actualizar e negociar convenios colectivos que levaban anos conxelados, como os comercios Téxtil, Metal e Alimentación; a Limpeza ou o Siderometal, mellorando notabelmente outros como o de Ecourense, e negociando condicións específicas que superaban convenios de ámbito estatal como se fixo en Megatech”.

O documento salienta o feito de que a CIG recuperou neste tempo a iniciativa sindical, “mantendo pulsos e conflitos de grande calado e mesmo, nalgún caso, de enorme dureza”, como foron os da empresa Ferrovial mantemento do CHUO, Coasa, GRI Towers ou Ferrovial limpeza hospitalaria. Tamén fai fincapé nas mobilizacións levadas a cabo na área pública -ensino, administración e sanidade- “pola recuperación dos dereitos arrebatados, a cobertura de vacantes, creación de prazas, recuperación do poder adquisitivo perdido a forza de Decreto, o dereito á negociación colectiva real e a favor dos servizos públicos de calidade”.

Mais “xusto nese momento histórico de restablecemento do equilibrio de forzas entre a clase traballadora e o Goberno e patronal” chega a pandemia da covid, que comezou sendo unha crise sanitaria “e continuou sendo unha verdadeira emerxencia social, económica e de saúde pública, e que ten, a diferenza doutras situacións de crise, dimensión planetaria, e veu golpear máis brutalmente, coma sempre, á maioría social e aos sectores máis desfavorecidos”.

Aumento da afiliación

Neste contexto, a central sindical “estivo plenamente á altura das circunstancias” e fixo propostas para unha saída galega xusta da crise. “Foi o noso sindicato o único que se mantivo en activo nos peores momentos do confinamento, cando máis falta lle facía aos traballadores/as”.

Neste senso, ao longo de ano e medio a CIG de Ourense amosouse “implacábel” á hora de denunciar ante a Inspección de Traballo e a autoridade sanitaria a falta de medidas de seguridade, de roupa de protección, de modificacións encubertas das condicións de traballo, de recortes de persoal e de uso fraudulento dos ERTE. “Nunca baixamos a garda aínda nos peores momentos do confinamento, cando outras forzas políticas e sindicais practicamente desapareceron da escena”.

Ao mesmo tempo, mantivo intensas loitas sectoriais como as de Transportes Pacholo, Servicarne, Mc'Donalds, obras do AVE ou H&M e participou en numerosas iniciativas sociais como a defensa da sanidade pública, contra o peche do paridoiro de Verín ou as reivindicacións dos emigrantes retornados/as.

Por outra banda, no documento tamén se recolle o aumento da afiliación experimentado neste período e a mellora organizativa interna, cunha axilización do funcionamento dos organismos, e parabenízase o labor desenvolvido pola asesoría xurídica do sindicato, ao tempo que se incide na necesidade de seguir medrando tanto en número de persoas afiliadas como en representación nos centros de traballo.

Finalmente, o Informe conclúe que a CIG é a ferramenta necesaria, “mesmo imprescindíbel”, para seguir avanzando. “Esa é a mensaxe que temos que transmitir nas empresas para ampliar unha organización forte que manteña unha loita incansábel para manter e defender unhas condicións de traballo dignas; para disputarlle a plusvalía a que nos explota; para defender a nosa saúde e seguridade no posto de traballo; para loitar por unha Galicia ceibe e socialista”.

Reforzar o asemblearismo

No seu discurso final, o xa reelixido secretario comarcal comezou poñendo en valor todo o feito polo conxunto da central na bisbarra a pesar do contexto da crise económica que aínda golpeaba con forza cando a nova dirección asumiu o mando do sindicato e da posterior crise sanitaria e social derivada da pandemia da covid.

Tamén salientou o feito de que o número de persoas afiliadas coas que conta a CIG de Ourense “demostra que somos a organización social máis forte da provincia”, aínda que apelou a continuar ampliando a base afiliativa “porque iso significa non depender de ninguén, non ter ataduras para seguir a desenvolver o noso modelo sindical”.

Ao mesmo tempo, Pérez Carballo asegurou que “é a hora do nacionalismo neste país”, tanto a nivel político como sindical, e apostou por tender pontes co resto de organizacións nacionalistas, “pero sen dependencias de ningún tipo, sempre en base á nosa autonomía sindical”.

Apostou tamén por reforzar a participación obreira e insistir no asemblearismo e na toma de decisións conxuntas, “porque cando menos unidade interna teñamos máis débiles seremos”. A modo de resumo sostivo a necesidade de “máis clase obreira e máis país”. Para rematar, esixiu a derrogación inmediata das reformas laborais e das pensións, xa que do contrario a central sindical mobilizarase dun xeito contundente, “sen renunciar á convocatoria dunha folga xeral, porque nós si que non deixamos atrás a ninguén” .

Representantes no Consello Confederal:

1. Melanie Arias Puccio.

2. Anxo Pérez Carballo.

3. Indalecio Gómez López.

4. Xulia González Pascual.