A familia dun mariñeiro falecido nun barco de Profand acude aos tribunais para reclamar o pago dunha indemnización digna

A empresa non recoñece o accidente laboral porque o corpo non apareceu
Pontevedra/Vigo - 04 Dec 2019

A familia do patrón do barco Senefand 1, afundido hai tres anos cando faenaba en augas de Senegal, tivo que levar a compañía viguesa Profand, un dos principais grupos pesqueiros do Estado, aos tribunais para reclamar unha indemnización digna. Como o corpo nunca apareceu a empresa non recoñece o sucedido como accidente laboral porque pretende pagar o mínimo posíbel. Este luns día 9 celebrarase o xuízo no que se determinará a responsabilidade do sinistro e se fixarán as correspondentes indemnizacións.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa no local do sindicato na cidade xunto á viúva do mariñeiro pontevedrés e o avogado da familia para denunciar que coa súa actitude a empresa obrigou a afectada a xudicializar o caso para reclamar o que é de xustiza. Aboi precisou que o patrón falecido traballaba para unha compañía de Profand, grupo empresarial vigués de capital 100% galego “que na actualidade é practicamente a segunda maior empresa do sector pesqueiro, ao mesmo nivel que Iberconsa e só por detrás de Pescanova”.

E isto porque a empresa e o grupo asegurador non recoñecen o accidente laboral porque o corpo non apareceu e queren pagar o mínimo posíbel. A propia viúva sóuboo cando acudiu á Seguridade Social Marítima e lle comunicaron que non estaba recoñecido ao tratarse dun buque que faenaba con outro convenio e baixo pabellón estranxeiro. De feito, na actualidade cobra unha pensión na que non se lle recoñece que o falecemento do cónxuxe foi por accidente laboral. “E non hai dúbida de que foi un accidente laboral porque se produciu traballando, como o acreditan os propios informes; de feito, nas conclusións figura que a causa do accidente foi o sobrepeso na izado do copo, que produciu unha escora repentina que provocou a entrada de auga”, detallou Aboi.

Neste senso, criticou que a porcentaxe que supón a indemnización sobre a facturación anual do grupo Profand é o 0,00056%, “polo que está claro que se trata dun problema de decencia”. Neste senso, denunciou que a empresa cambia os barcos de bandeira para acceder a determinados caladoiros, ficha os tripulantes en Vigo “e logo din que é unha empresa senegalesa, pero todo o mundo sabe que os barcos son de Profand”. E asegurou que isto sucede porque non hai control ningún sobre este tipo de prácticas, xa que á Unión Europea non lle interesa investigar. 

O xuízo terá lugar este luns día 9 no Xulgado do Social número 1 de Vigo

Pola súa banda, o avogado anunciou que o xuízo terá lugar o próximo luns día 9 no Xulgado do Social número 1 de Vigo, e que nel determinaranse as posíbeis responsabilidades do acontecido. “Os feitos obxectivos son que un barco de pesca sufriu un accidente no que faleceron un patrón galego e dous tripulantes senegaleses; e nós estamos a reclamar no Estado español as indemnizacións que lle corresponden á familia, en concreto á súa viúva e a dúas fillas menores de idade”.

Detallou que houbo unhas primeiras negociacións coa empresa, pero non se chegou a un acordo sobre as indemnizacións “porque non cubría nin minimamente os custes da perda dun pai de familia que deixa viúva e dúas fillas; era unha cantidade en base á lexislación senegalesa, que para os estándares europeos resulta ridícula; posteriormente ofreceron unhas cantidades integradas noutros seguros que non teñen que ver con este accidente de entre 50.000 e 100.000 euros”.

Diante disto, a afectada viuse obrigada a recorrer á vía xudicial, que será a que teña que fixar as indemnizacións, “cando se trata dunha cuestión que debera ser arranxada extraxudicialmente”. A afectada reclama a indemnización establecida no baremo de accidentes de tráfico (xa que os sinistros no mar non teñen baremo propio), que se calcula en base a unhas táboas nas que se ten en conta a idade da vítima, a idade dos familiares e o parentesco. Ademais hai que contemplar a vinculación económica do falecido, que neste caso era total. Por todo isto, a cantidade resultante ronda os 400.000 euros.

Buque con deficiencias

O letrado explicou que o buque foi construído no seu día na localidade portuguesa de Aveiro e posteriormente rearmado para faenar en Senegal, cando inicialmente esta non era costeira prevista. “Este barco ten unha peculiaridade, xa que é un arrastreiro por popa e ten a rampla de arrastre desprazada da crujía cara a estribor; e o parque de pesca, onde está facturación, tamén está desprazado a este costado, mentres que habilitación está en babor”.

Malia que todo isto está autorizado, supón un risco engadido á hora de facer a manobra xa que se produce unha incidencia dos pesos nese costado. Outra particularidade constatada é que ten dúas portas que están ao mesmo nivel da cuberta de arrastre, onde se recolle o aparello, e do parque de pesca.

“Estas circunstancias provocaron o fatal accidente, cuxas causas deberá determinar o xuíz, xa que a familia ten unha versión e a empresa outra. Ao que hai que engadir a falta de medidas de seguridade, que non cumprían cos estándares europeos nesta materia. Está claro que cando un barco se afunde en dous ou tres minutos co mar en calma algo raro pasa. De feito, as radiobalizas tampouco funcionaron”, sinalou.

Por iso fixo fincapé na importancia de incidir sobre a prevención de riscos laborais, “xa que se non primasen os intereses económicos sobre a vida das persoas é moi probábel que este tipo de accidentes -que son inevitábeis- non serían tan graves. E tamén é lamentábel que non atenda as familias dende o primeiro momento”.

Xustiza, respecto e dignidade

Pola súa banda, a compañeira do patrón falecido dixo que con esta reclamación pretenden que se faga xustiza e se bote luz sobre uns feitos transcorridos hai xa tres anos. “Foi unha gran perda, pero é aínda máis dramático cando vives todo este proceso e ves as consecuencias nas túas fillas; as empresa cumpriu no momento do accidente, pero non á hora de pagar as indemnizacións correspondentes para sustentar unha familia que perde un piar fundamental para o desenvolvemento das nenas, que aínda son moi pequenas, e agora vou ter que afrontalo eu soa”.

En canto a decisión de levar o tema a xuízo, indicou que o fixo pola memoria do seu marido, polo benestar das súas filla, por dignidade, por responsabilidade e polo traballo que el facía, “porque foron moitos anos de traballo e esforzo”. Ao mesmo tempo, cualificou de vergoñento que despois de ter que pasar por unha experiencia deste tipo “agora me fagan pasar polo Xulgado e ter que vivir todo de novo;é denigrante”.

A afectada confía en que a xustiza determinará se o barco, que era a primeira marea que facía no caladoiro de Dakkar, cumpría todas as medidas e a normativa de seguridade. “É ben sabido que as empresas se preocupan moito por asegurar os seus buques, polo que tamén queremos coñecer se a tripulación contaba tamén con seguro de accidentes”.Ao mesmo tempo, lembrou que a empresa sempre mantivo que toda a documentación do barco estaba en regla, “pero cando comezamos a indagar atopámonos que moi posibelmente incumpría moitas normas”.

Finalmente, comentou que “nesta ocasión tocounos a nós, pero pódelle pasar a calquera, por iso é moi importante denunciar estes casos para concienciar da necesidade de tomar medidas de seguridade nun sector tan perigoso e con tantos riscos coma este, polo que ebera ser unha loita común de todo o sector”.