A volta dos golpes militares a América Latina?

Germán Gorraiz López -

Asistiremos á irrupción no escenario xeopolítico de América Latina dunha nova vaga negra involucionista que consistirá no desenvolvemento de “golpes de man brandos” co obxectivo inequívoco de substituír os réximes insensíbeis aos ditados de Washington por réximes militares autocráticos

O Brexit e o triunfo de Trump marcarán o remate do “escenario teleolóxico” no que a finalidade dos procesos creativos eran proxectada por modelos finitos que podían intermodelar ou simular varios futuros alternativos e nos que primaba a intención, o propósito e a previsión e a súa substitución polo “escenario teleonómico”, marcado por doses extremas de volatilidade que afectarán de xeito especial a América Latina. Así, asistiremos á irrupción no escenario xeopolítico de América Latina dunha nova vaga negra involucionista que consistirá no desenvolvemento de “golpes de man brandos” co obxectivo inequívoco de substituír os réximes insensíbeis aos ditados de Washington por réximes militares autocráticos e que afectará a Brasil, Venezuela, Ecuador, Nicaragua, Bolivia, Paraguai, Haití, O Salvador e Panamá.

Cuba e a nova Crise dos Mísiles

 O cesamento do bloqueo de Estados Unidos contra Cuba, esixido por vixésimo quinto ano consecutivo na Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas e aprobado de forma abafadora por 191 votos a favor e 2 abstencións (EUA e Israel), reafirma a liberdade de comercio e navegación ante un bloqueo anacrónico instaurado por Kennedy en 1962 e que supoñería para a Illa unhas perdas directas e indirectas estimadas en 110.000 millóns de dólares segundo o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e máis dun billón de dólares segundo o Goberno cubano). Así, segundo Prensa Latina, entre maio de 2012 e abril de 2013, as perdidas causadas polo bloqueo á saúde pública cubana serían de 39 millóns de dólares debido á imperiosa necesidade de adquirir medicamentos e instrumental en mercados afastados.

 As medidas cosméticas tomadas pola Administración Obama no seu Primeiro Mandato Presidencial seguindo o ronsel da Administración Clinton (relaxación das comunicacións e o aumento do envío de remesas á illa así como o inicio dunha rolda de conversas sobre temas de inmigración), deixaban intacto o bloqueo e non cambian substancialmente a política de Washington, aínda que reflectían o consenso de amplos sectores do pobo norteamericano a favor dun cambio de política cara á Illa auspiciado pola decisión do réxime cubano de terminar co paternalismo estatal e permitir a libre iniciativa e o traballo por conta propia. Porén, a renovación automática por parte de EUA por un ano máis do embargo comercial á illa atentarían contra o vixente sistema financeiro e político internacional e poderían supoñer para Cuba perdas estimadas en preto de 50.000 millóns de dólares, abocando o réxime de Raúl Castro á asfixia económica. No caso de que Donald Trump manteña intacto o anacrónico embargo sobre a Illa, xurdirá o desapego afectivo do réxime cubano respecto de EUA e o devandito baleiro será aproveitado polo hábil estratego xeopolítico Putin para asinar un novo tratado de colaboración militar ruso-cubana (rememorando o Pacto Secreto asinado en 1960 en Moscova entre Raúl Castro e Khruschev) que incluiría a instalación dunha base de radares na abandonada base militar de Lourdes para escoitar comodamente os murmurios de Washington e a instalación de bases dotadas con mísiles Iskander, podendo revivirse a Crise dos Mísiles Kennedy-Khruschev (outubro, 1962) e o posterior asinamento con Khruschev do Acordo de Suspensión de Probas Nucleares (1962).

Nicaragua e o Gran Canal Interoceánico

 Petrocaribe foi creado en 2005 por iniciativa de Venezuela co obxectivo de fornecer combustíbeis aos países membros en condicións vantaxosas de pagamento, como créditos brandos e baixas taxas de xuros e estaría integrado por 18 países (incluídos Honduras, Guatemala, Cuba, Nicaragua, República Dominicana, Haití, Belice e unha ducia de illas do Caribe) e segundo as autoridades venezolanas, o país exporta 100.000 barrís diarios aos países do bloque que xeraban unha factura de 4.000 millóns de dólares, da cal unha parte se paga en "efectivo" e o resto estaría subsidiado. A nova estratexia de EUA sería estreitar lazos comerciais e militares cos países de Petrocaribe ante o perigo de contaxio mimético dos ideais revolucionarios chavistas ao depender en exclusiva da venezolana Petrocaribe para o seu abastecemento enerxético, a comezar polo presidente dominicano Danilo Medina e neste contexto, a Administración Obama celebrou unha Cimeira de Seguridade Enerxética no Caribe na que instou os países da rexión a diversificaren as súas fontes de enerxía, confiar máis nos investimentos privados e reducir así a súa dependencia de Petrocaribe. Por outra banda, China asumiría o reto de construír a Gran Canal Interoceánica en Nicaragua para sortear o paso do estreito de Malaca (o devandito estreito é vital para China ao ser a ruta principal para se abastecer de petróleo pero converteuse de facto nunha vía marítima saturada e afectada por ataques de piratas), polo que EUA procederá a desestabilizar o goberno de Daniel Ortega dentro da súa estratexia xeopolítica global de secar as fontes enerxéticas chinesas.

Maduro ten os días contados?

 En Venezuela, a decisión de Maduro de confiscar a planta de General Motors, será vista pola Administración Trump como un atentado contra os intereses das multinacionais estadounidenses, escenario que será aproveitado polo Secretario de Estado estadounidense, Rex Tillerson, antigo Presidente e Conselleiro Delegado de Exxon Mobil cando foi nacionalizada no 2007 por Hugo Chávez, para intentar un golpe de man contra Maduro. Exxon Mobil formaría parte da Cuarta Rama do Goberno de EUA, verdadeiro poder na sombra que toma as decisións en política exterior e a instancias de Tillerson, a revolución chavista xa foi declarada “inimiga perigosa de EUA”. Ademais, o acordo chinés-venezolano polo que a empresa petroquímica estatal chinesa Sinopec investirá 14.000 millóns de dólares para lograr unha produción diaria de petróleo en 200.000 barrís diarios de cru na Faixa Petrolífera do Orinoco (considerado o xacemento petroleiro máis abundante do mundo), sería un mísil na liña de flotación da xeopolítica global de EUA (cuxo obxectivo inequívoco sería secar as fontes enerxéticas de China), polo que tras unha sistemática e intensa campaña desestabilizadora que incluirá o desabastecemento selectivo de artigos de primeira necesidade, a amplificación nos medios da crecente inseguridade cidadá e a posterior petición ao Exército para que se erixa en “salvador da patria”, plan deseñado pola CIA e que conta coa inestimábel axuda loxística de Colombia, convertida no portaavións continental de EUA), poderiamos asistir a un golpe de man para liquidar o legado chavista en Venezuela.

Novo goberno militar en Brasil?

 Brasil forma parte dos chamados países BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) e aínda que se desbota que os devanditos países forman unha alianza política como a UE ou a Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), estes países teñen o potencial de formar un bloque económico cun estatus maior que do actual G-8 (estímase que no horizonte do 2050 terán máis do 40% da poboación mundial e un PIB combinado de 34.951 billóns de dólares) e o obxectivo inequívoco de Putin era neutralizar a expansión de EUA no cono sur americano e evitar a posíbel asunción por Brasil do papel de "xendarme dos neoliberais" en Sudamérica, pois Brasil xoga un rol fundamental no novo taboleiro xeopolítico deseñado por EUA para América Latina xa que o considera como un potencial aliado na escena global ao que podería apoiar para o seu ingreso no Consello de Seguridade da ONU como membro permanente, co conseguinte aumento do peso específico de Brasil na xeopolítica mundial.

 Porén, a decisión da presidenta brasileira Dilma Rousseff de pospoñer a súa visita de Estado a Washington (decisión avalada polos principais asesores de Rousseff, entre eles o seu antecesor e mentor Lula da Silva), entrañou o risco dunha perigosa confrontación entre as dúas grandes potencias do continente americano, pois segundo Lula “os americanos non soportan o feito de que Brasil se convertese nun actor global e, no fondo, o máximo que eles aceptan é que Brasilia sexa subalterno, como xa o foi”. Así, Rousseff tras afirmar que "a espionaxe ilegal representa unha violación de soberanía incompatíbel coa convivencia democrática entre países amigos", esixiu a Estados Unidos explicacións convincentes das razóns da Axencia de Seguridade Nacional (NSA) para presuntamente violar as redes de computadoras da petroleira estatal Petrobras e, tras o seu enérxico discurso na apertura da 68 Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU), tería gañada a inimizade da Administración Obama que procedeu á implementación do "caos construtivo" en Brasil para desestabilizar o seu mandato presidencial (impeachment). Así e todo, tras o khaos xurdido nunha sociedade brasileira corroída pola corrupción e que afectaría ao actual Presidente Temer non se pode desbotar un golpe de man militar que desenvolverá unha ampla represión contra os partidos de esquerdas e que se asañará de xeito especial co Partido Comunista (PcdoB) e o Partido Socialista (PSB), o que significará de facto o final da democracia brasileira, ficando apenas Ecuador, Nicaragua e Bolivia como países díscolos ás teses de EUA pero que terminarán sendo fagocitados mediante a política do Big Stick ou “Gran Garrote”, seguindo a Doutrina Monroe ,”América para os americanos”.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 1 de xuño de 2017]

 

Volver