A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza denega o exceso de cómputo de xornada
A CIG-Saúde remitiu ao Xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza un escrito demandando información respecto do número de denegacións de días por exceso de cómputo de xornada en 2025 e unha explicación motivada á representación do persoal, fundada nas necesidades do servizo e coas causas concretas que impediron a súa aceptación.
A CIG-Saúde reclama ademais unha explicación motivada de quen é a persoa responsable de xestionar a planificación de unidades, servizos, que a día de hoxe, contan cunha carteleira de 35 horas semanais e 1533 horas anuais, e de manter informado ao persoal en todas as cuestións que directamente teñan repercusión nas relacións laborais, como é o caso que este ano as carteleiras teñen un exceso de computo o coincidir os festivos en descansos.
Xunto a isto exixe á Xerencia que explique os motivos das denegacións das solicitudes para o goce de días de exceso de cómputo que foron denegadas e por que non se informou ao órgano de representación do persoal.
Queixas do persoal
Esta solicitude responde, segundo explica o secretario comarcal de CIG-Saúde, Xosé Manuel Marcote, ás moitas queixas recibidas do persoal de todas as categorías, coa finalidade de clarificar os cómputos das quendas das e dos profesionais en quenda fixa ou rotatoria simple e que se están rexeitando á espera das instrucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos.
Marcote lembra que é a Xerencia da Área Sanitaria o órgano responsable da xestión integral dun territorio sanitario, incluíndo a planificación, organización e control dos servizos de saúde e os seus recursos -humanos, materiais, financeiros e tecnolóxicos- para garantir a atención sanitaria no seu ámbito de actuación. E que nas súas distintas unidades/servizos existe un responsable coa obrigación de xestionar e planificar as carteleiras segundo a xornada acordada para o ano 2025.
Nese sentido apunta que “o persoal debe contar cunha carteleira, que é un documento de traballo elaborado a comezos de ano para sinalar un calendario laboral anual de traballo no servizo. Un instrumento técnico a través do cal se realiza a distribución da xornada e a fixación dos horarios, de acordo co establecido na negociación cos representantes dos traballadores e traballadoras, e que recolle que a xornada xeral será de 35 horas semanais de traballo efectivo de media no cómputo anual, equivalente a mil cincocentas e trinta e tres horas anuais”.
A CIG-Saúde afirma que un calendario laboral debe respectar, en todo caso:
- A duración da xornada xeral, establecida en 35 horas, sen que poida diminuír ou aumentar o computo anual da mesma con ocasión de festividades locais ou estatais.
- horario fixo de presencia.
- número de festas laborais, de carácter retribuído e non recuperable, que non poderán exceder do establecido pola normativa en vigor.
Ademais, os calendarios laborais teñen que ser públicos a fin de asegurar o seu xeral coñecemento, tanto por parte dos empregados públicos e dos seus representantes legais e sindicais... e, como recolle a normativa, “o persoal estatutario dos servizos de saúde ten o dereito a ser informado das funcións, tarefas, cometidos, programación funcional e obxectivos asignados a súa unidade, servizo ou centro, e dos sistemas establecidos para a avaliación do cumprimento dos mesmos. E información clara e comprensible os representantes sindicais do establecemento da xornada laboral e horarios de traballo”.
Por iso, Marcote denuncia que “a Xerencia incumpre coa obriga de que todos os centros faciliten ao persoal o goce dos días de exceso de cómputos, nas quendas que sexan solicitadas”. Subliña que “a denegación da solicitude deberá ser motivada e fundada en necesidades do servizo, contendo as causas concretas que impidan a súa aceptación, tendo que informar a xunta de área das denegacións que se produzan”. E en representación da CIG-Saúde exixe que se garanta o dereito os días de descanso que lle correspondan por lei o seu persoal para poder conciliar a vida laboral e familiar.