A Xerencia da Coruña maltrata as familias con menores afectados/as por cancro ou enfermidades graves

A Coruña - 07 Mai 2025

CIG-Saúde da Coruña denuncia a denegación do dereito á prestación para o coidado de menores gravemente enfermas (CUME) a varias persoas traballadoras da área sanitaria que levaban anos con redución de xornada concedida e sen que houbera ningún cambio nin melloría na situación das súas crianzas.

Hai que explicar que esta prestación ten por obxecto compensar a perda de ingresos que sofren as persoas traballadoras ao ter que reducir a súa xornada, coa conseguinte diminución do seu salario, pola necesidade de coidar de maneira directa, continua e permanente os fillos/fillas ou menores ao seu cargo, durante o tempo da súa hospitalización e tratamento continuado da enfermidade.

CIG-Saúde denuncia a situación preocupante que se está a vivir na área sanitaria da Coruña e Cee en relación cun dereito que é a única opción que teñen as familias para poder manter un sustento económico nunha situación que, por desgraza, pode prolongarse durante meses e incluso anos. Consciente de que se están a denegar as solicitudes de prórroga destas reducións de xornada, María Formoso, secretaria comarcal da CIG-Saúde, manifesta a súa perplexidade ante a falta de explicacións sobre as razóns desta negativa.

“As familias afectadas levan anos coas súas solicitudes recoñecidas e debidamente acreditadas, sen que se produciran cambios significativos na situación dos e das menores que precisan coidados especiais”, explica.

Neste contexto, CIG-Saúde solicitoulle por escrito á xerencia unha revisión urxente das denegacións emitidas, aportando un oficio da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social relacionado coa prestación económica CUME. Este documento aclara o sentido da norma así como os requisitos e esixencias necesarias para acceder a esta prestación.

CIG-Saúde considera intolerábel a discriminación e o maltrato que están sufrindo as familias con menores afectados por cancro ou enfermidades graves na área sanitaria de A Coruña e esixe unha rectificación o antes posíbel, e que se deixe de prexudicar e empeorar a difícil situación que teñen que soportar estas familias.