A Xunta adxudica a Naturgy o contrato da luz malia ter deslocalizado máis de 400 postos de traballo

CIG-Banca denuncia que a consellaría contestou a Unitono que non podía facer nada

Nacional -

A CIG-Banca denuncia que a mesma Consellería que lle comunicou ao comité de empresa de Unitono de Ourense que non podía facer nada a respecto das "decisións dunha empresa privada", adxudica agora un contrato millonario á mesma empresa que espolia os recursos naturais de Galiza e deslocaliza máis de 400 postos de traballo desde este verán, na súa meirande parte a Colombia.

Ademais, CIG-Banca lembra que o pasado 15 de novembro, Naturgy rescindiu o seu contrato coa empresa Unitono, servizo que se prestaba dende hai máis de 10 anos, deixando na incerteza a 130 traballadoras e traballadores.

A secretaria nacional da federación de Banca, Sefi Romero, asegura que “resulta rechamante que despois das entrevistas mantidas polo comité de empresa coa secretaria xeral de emprego, Covadonga Toca, despois das intervencións efectuadas no pleno do Parlamento por varios grupos parlamentares que previamente escoitaron a problemática de primeira man das traballadoras e traballadores da empresa; despois das numerosas mobilizacións levadas a cabo, agora se coñeza a nova de que a gañadora do concurso para prover de enerxía á propia Xunta de Galiza, por un importe de máis de 170 millóns de euros, é Naturgy”.

Para Romero tamén chama a atención que, sempre segundo os medios de comunicación, á poxa por este contrato se presentaran 4 empresas e Naturgy fose a que menor nota sacou, aínda que finalmente, na fase de negociación, rebaixou o custe inicial un 23%. “Esta rebaixa foi a expensas da destrución do emprego en Galiza, porque a deslocalización dese emprego a un país como Colombia, supón un aforro moi significativo en custes salariais. Bastante curioso todo, si”.

Coa deslocalización a Colombia desaparece a atención en galego

A deslocalización da atención á clientela de Naturgy a Colombia, e residualmente a Reus, non permitirá garantir a atención en galego para o noso país, como xa comentaron algunhas persoas na concentración que se desenvolveu o pasado 14 en Ourense, que viron menoscabado o seu dereito a ser atendidas no seu propio idioma.

Por iso a CIG-Banca reclama da Xunta de Galiza que se contemplen “medidas de mantemento do emprego e medidas para garantir o dereito da cidadanía deste país, nas negociacións que manteñen coas empresas concesionarias de servizos, que van ser pagadas cos cartos de todas as galegas e galegos”.

Volver