A Xunta bloquea 790 postos de concurso específico dende hai máis de 10 anos

A CIG-Autonómica denuncia unha decisión política consciente da Xunta, que perpetúa comisións de servizos a dedo cunha ocupación provisional estrutural dos postos de responsabilidade
- 28 Xan 2026

A CIG-Autonómica denuncia o bloqueo da Xunta de Galiza ao non convocar os concursos específicos dende hai máis dunha década. Esta situación de parálise administrativa afecta, cando menos, a 790 postos de traballo das distintas consellerías e órganos da Administración autonómica.

O concurso específico é un procedemento de provisión de postos previsto na Lei 2/2015 do Persoal Empregado Público de Galiza para aqueles que “requiren unha valoración detallada de méritos e capacidades”. Porén, tal e como a CIG vén advertindo, o modelo deseñado pola Xunta introduce un elevado compoñente subxectivo —como a entrevista persoal— “convertendo na práctica o concurso específico nunha libre designación encuberta, personalizábel e estábel durante cinco anos”.

Aínda así, e malia a oposición expresa da CIG a esta forma de provisión, o feito de que estes postos figuren nas relacións de postos de traballo e non se convoquen os correspondentes concursos específicos, provoca un mecanismo estrutural de retención de postos, ao manterse unha ocupación prolongada mediante comisións de servizos, moitas delas de duración inxustificábel e claramente contraria ao carácter excepcional que lles atribúe a normativa.

Esta situación, apunta a secretaria nacional da CIG-Administracións Autonómica, Zeltia Burgos, xera un grave efecto de bloqueo en cadea, xa que moitas das persoas que ocupan actualmente estes postos de concurso específico teñen outro destino en propiedade, que permanece reservado mentres desempeñan o posto provisional. Isto supón que un único nomeamento, pode estar bloqueando dous postos simultaneamente.

Esta realidade xa a viu, por exemplo, nas tomas de posesión dos procesos selectivos de enxeñarías, onde non chegaban as prazas ao existir postos bloqueados, “así como na perversión dos concursos de traslados de escalas especiais (enxeñarías, ciencias, arquitecturas..), nos que se “gardaban” numerosas prazas, como se existisen funcionarios e funcionarias de primeira e de segunda”.

Burgos lembra que, unha vez que xa existe un modelo de bases, a convocatoria dos concursos específicos depende exclusivamente das consellerías. “Aínda que este modelo non conta co noso aval, é preferíbel o concurso específico ao bloqueo e á perpetuación sine die de comisións de servizos a dedo. Non existe, xa que logo, ningunha escusa técnica nin legal para manter este bloqueo: trátase dunha decisión política consciente”, denuncia.

Solicitude formal a todas as consellerías

Por este motivo, a CIG rexistrou escritos en todas as consellerías e órganos afectados, solicitando formalmente a convocatoria inmediata de todos os postos que deben ser provistos mediante concurso específico.  “Ou iso ou que muden as relacións de postos de traballo e que eses postos de concurso específico pasen a concurso ordinario”, indica 

A CIG-Autonómica reitera que non permitirá que o concurso específico se consolide como unha ferramenta discrecional, nin que se siga utilizando a provisionalidade como norma xeral. Por iso, exixen transparencia, a convocatoria inmediata dos concursos “e o respecto aos dereitos do persoal empregado público”.