A Xunta cede á presión e negocia co persoal técnico dos distritos forestais

As centrais sindicais desenvolveron protestas para reclamar un pacto sobre as condicións laborais
Nacional - 12 Ago 2019

A Xunta cede finalmente á presión exercida polas centrais sindicais e vén de abrir unha mesa de negociación sobre as condicións laborais do persoal técnico dos distritos forestais, na que non participará a Dirección Xeral da Función Pública

Segundo explican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, a Consellaría de Medio Rural convocou os representantes sindicais o pasado venres á mesa de negociación demandada dende maio de 2018, “e logo de varias mobilizacións do persoal”. 

Na primeira xuntanza a Administración non foi quen de achegar ningunha proposta

A esa xuntanza as organizacións sindicais levaron as demandas dos enxeñeiros/as técnicos/as forestais e dos enxeñeiros/as de montes que traballan na coordinación e xestión forestal e nas emerxencias por incendios nos 19 distritos forestais, “sen que a Administración fose capaz de presentar algunha proposta”.

Polo tanto, cun acordo de condicións de traballo de 2008 “desfasado polos cambios na Consellería”, coas modificacións no réxime de prestación de servizos e distribución de persoal ao cargo e coas condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais, para a CIG “é vital chegar a un novo acordo que regule as condicións de traballo, para o que cómpre”:

-Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos.

-Reducir o horario anual de xeito que non se superen as 35 horas semanais (1554h/ano).

-Regular o traballo en fins de semana, festivos, quendas e gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.

-Distribución equitativa da carga de traballo e maior organización.

-Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes/as de distrito e establecer un segundo/a xefe/a de garda por distrito forestal.

-Diminuír a interinidade, que hoxe é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.

-Aumentar as compensacións (tempo) e os complementos salariais polo traballo a quendas e gardas.

-Plano de prevención de riscos laborais (incluídos sicosociais), actuando sobre as causas de estrés laboral, entre outras.

Finalmente, indican que dende a Consellería de Medio Rural aseguraron que "imos ter un documento de traballo e unha xuntanza o 26 de agosto, aínda que se manifesta contraria ao aumento de custe". Para a CIG a solución ao conflito pasa necesariamente polo aumento do persoal técnico na relación de postos de traballo, e así dar resposta á mellora de condicións de traballo. “Non queda outra que loitar”, rematan.