A Xunta censura a cobertura mediática da entrega dun escrito pola recuperación do horario lectivo a Feixóo

O responsábel de seguridade de San Caetano prohibiu aos medios gravar imaxes alegando cumprir ordes
Nacional - 12 Feb 2020

Nunha decisión insólita e que se produce por vez primeira na historia da administración autonómica, como confirmaron os xornalistas presentes, a Xunta de Galiza prohibiu que os medios puidesen facer o seu traballo dentro das dependencias de San Caetano. Tal foi así, que o  máximo responsábel de seguridade do edificio administrativo de San Caetano, alegando cumprir ordes, prohibiu expresamente que gravasen imaxes do representante da CIG-Ensino e dos demais sindicatos. 

Censura insólita e mostra dun nerviosismo da administración que deixa moi mal parado ao goberno galego foi o que se evidenciou hoxe dentro da sede oficial da Xunta de Galiza. Os representantes da CIG-Ensino e de todas as demais organizacións sindicais non puideron ser gravados dentro de San Caetano nin facer declaracións aos medios de comunicación nun acto de entrega por rexistro dun escrito dirixido ao presidente da Xunta de Galiza.  

A CIG-Ensino dirixirá unha queixa formal á Xunta por esta grave decisión de censurar a liberdade de información nun acto sindical cando a todas horas se producen actos e comparecencias do propio goberno e de todo tipo de asociacións e entidades dentro do mesmo recinto. 

Feijóo, único responsábel e interlocutor para pechar o conflito da recuperación de dereitos do profesorado

O escrito rexistrado no día de hoxe por todas as organizacións sindicais descarta definitivamente á conselleira de Educación e á súa equipa logo de se ter negado novamente na última Mesa Sectorial a dar resposta á demanda absolutamente maioritaria do profesorado galego de recuperar o noso horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, tal e como quedou claro na alta participación da folga xeral no ensino público do 12 de decembro.

A CIG-Ensino e os demais sindicatos identificamos a Feijóo, por tanto, como único responsábel da negativa a aplicar o cambio lexislativo estatal que anulou o Real Decreto que unilateralmente impuxo o goberno de Rajoy, obrigando a traballar máis horas lectivas e en peores condicións a todo o profesorado e provocando o despido de miles de docentes. 

No escrito demandámoslle a Feijóo que interveña neste conflito e asuma a convocatoria dunha mesa de negociación para rematar cunha imposición que levamos soportando desde hai xa demasiados anos. Se Feijóo, como máximo responsábel do goberno galego non o fai, o profesorado galego só poderá concluír que como docentes somos considerados como un elemento secundario, desprezado na política educativa do PP, e a quen só nos cabe seguir pola vía das mobilizacións. A decisión é única e exclusivamente de Feijóo: responder as demandas do profesorado e devolverlle os seus dereitos ou manter un desprezo que o profesorado non está disposto a soportar por máis tempo.