A Xunta continúa desviando a TRAGSATEC, vía encomenda, tarefas de persoal funcionario
O pasado luns, día 31 de xaneiro, saían publicadas varias resolucións polas que se encomendan a TRAGSATEC traballos de xestión e control de varias áreas de traballo de persoal empregado público da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o 2022. Esta empresa filial de Tragsa, que se adica a servizos técnicos agrarios, con estas encomendas suma tan só durante o ano 2022, 5 millóns de euros para realizar diversos traballos de control e xestión ambiental.
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar que a Consellería de Medio Ambiente continua a externalizar funcións de persoal empregado público a pesar de que recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, após da denuncia da CIG, anulou as encomendas de control de patrimonio arqueolóxico a esta mesma empresa.
Segundo explica a responsable nacional do sector, Zeltia Burgos, “as encomendas de Medio Ambiente son diversas e afectan a varios servizos da consellería que con estas novas contratacions se veñen a reforzar”. Así Tracsatec está a realizar desde traballos auxiliares de impacto e avaliación até actividades de control. “Competencias claras do persoal funcionario público”, subliña.
Xunto a isto Burgos apunta que tamén están a tramitar axudas e autorizacións de instalacións, a recompilación do expediente, coa análise da documentación das solicitudes, o informe ambiental que logo pasan a autorización coa sinatura de funcionarios públicos. “Crease así unha clara inseguridade xurídica ao persoal funcionario que ten que asinar un traballo do que non fixo o seguimento ademais de extraer da rede da Xunta expedientes e información sensible”, afirma. E cuestiona que unha empresa realice todos os trámites administrativos para instalacións de alto impacto como son parques eólicos ou minería extractiva.
A responsable da CIG-Administración Autonómica denuncia ademais que a consellería de Medio Ambiente fai encomendas ao tempo que nin reforza o cadro persoal nin cubre as vacantes e subliña que as de informe de impacto non son as únicas encomendas de servizos que corresponden a funcionarios e funcionarias públicas. “Son todas como os traballos do servizo de calidade ambiental e dos seu persoal inspector ou de Augas de Galiza que se externalizan ao tempo de que esta consellería é campioa en non cubrir as prazas vacantes e moito menos as baixas do seu persoal e ten amortizado numerosas prazas nos últimos anos”.
O goberno do PP privatiza servizos públicos empregando as encomendas de xestión
Esta externalización “a contagotas” supón, para a CIG-Administración Autonómica “a privatización dos servizos públicos da Xunta de Galiza conformando unha administración paralela”.
Neste sentido Burgos explica que Medio Rural, Política Social e Sanidade tamén teñen abondosas encomendas a esta empresa pero hai outras como a do 012 que leva xa a maioría das xestións cidadáns coa Xunta.
Sinala que xa están a estudo na CIG para a súa demanda xudicial inmediata e apunta os servizos que se externalizan coas resolucions do 31 de xaneiro:
Encomenda que comprende o servizo técnico cualificado para a análise, xestión, planificación e control da xestión de residuos de Galicia: 544.838,04 €
Outro servizo técnico cualificado para a predición e difusión climatolóxica, o seguimento do estado químico e ecolóxico das augas, o control da calidade do aire e o cambio climático: 2.717.669,10 €
O asesoramento xurídico, económico e de información ambiental en materia de calidade ambiental e cambio climático: 668.250,57 €