A Xunta subvenciona con 4 millóns de euros o vehículo eléctrico que Stellantis fabricará en Inglaterra

A sección sindical da CIG no grupo automobilístico denuncia este “atraco ás arcas públicas galegas”

Vigo -

A Xunta de Galiza vén de anunciar unha subvención de 3,87 millóns de euros a Stellantis (antiga PSA Citroën) para o desenvolvemento dun vehículo eléctrico na planta de Vigo cuxa fabricación será deslocalizada a Inglaterra. Dende a sección sindical da CIG no grupo automobilístico denuncia este “atraco para as arcas públicas galegas” e reclaman do Goberno autonómico que destine eses fondos a compensar a perda salarial dos traballadores/as durante o ERTE.

A representación da central sindical en Stellantis cargou duramente contra a recente visita protagonizada polo presidente da Xunta ás instalacións de Balaídos “para facerse a foto despois de entregarlle á empresa unha subvención de 3,87 millóns de euros para desenvolver o vehículo eléctrico que finalmente se vai fabricar en Inglaterra”. 

A CIG reclama que eses cartos se destinen a compensar a perda salarial derivada do ERTE

Dende a CIG cualifican o acontecido de “atraco” ás arcas públicas e de "estafa” ao conxunto dos galegos e das galegas, pois entenden que esta subvención vai servir unicamente para externalizar a produción de Galiza ao Reino Unido. “Mentres os traballadores/as nos atopamos na casa sen retribución como consecuencia do ERTE o presidente do Goberno galego apoia e ratifica coa súa visita a Stellantis a precariedade na empresa e no conxunto do país”.

Neste senso, reclámanlle que destine eses cartos a compensar a perda salarial que provoca o ERTE de Stellantis nos cadros de persoal do sector da automoción. “As subvencións públicas teñen que levar implícito emprego estable, digno e con salarios xustos, e de non ser así Stellantis tería que devolver até o último céntimo”, rematan.

Volver