A Xunta de Galiza incumpre o convenio colectivo de Arqueoloxía cos campos de traballo de Xuventude

Nacional - 28 Xul 2023

O sector de Arqueoloxía da CIG critica que a Xunta de Galiza está incumprir o convenio colectivo sectorial ao permitir que persoas sen a formación adecuada poidan escavar un xacemento arqueolóxico, no marco dos campos de verán de Xuventude. Esta situación, advirten, tamén se estende a outro tipo de programas de ámbito municipal polo que instan á vixilancia e á corrección deste tipo de accións  "que cada ano aumentan ante a inoperancia da Xunta e da Delegación Xeral de Patrimonio".

Denuncian que se permiten estas prácticas cando hai profesionais que están no paro "ou que teñen que emigrar para poder traballar da profesión na que están formadas/os, mentres ven como calquera persoa sen estudios relativos á historia ou á arqueoloxía pode escavar un xacemento".

Esta situación prolifera coa chegada do verán, cando "miles de escavacións comezan a emerxer dentro de todo o Estado". Explican que as universidades, os centros de investigación e o alumnado de Historia e Arqueoloxía inician as campañas de escavacións vinculadas a unha institución científica que promove e ensina este tipo de traballo para que no futuro as e os profesionais do ramo poidan exercer a súa profesión.

En Galiza, as universidades promoven de maneira interna prácticas arqueolóxicas dentro dos respectivos graos que dan acceso a esta profesión (Historia, Historia da Arte e Humanidades), pero o problema aparece "cando este tipo de labores traspasa as fronteiras educativas das universidades e calquera pode escavar nun xacemento arqueolóxico sen formación ningunha".

Tal é o caso dos campamentos de verán que a Xunta de Galiza promove cada ano baixo o lema “O verán que sempre vas lembrar”, no que se ofertan prazas para campos de “temática arqueolóxica” para persoas sen ningún tipo de coñecementos nesta materia para escavar o xacemento de Castro Lupario.

Este non é un caso illado xa que tamén existe o campo de voluntariado da Laracha, promovido por Turismo da Laracha e no que participan persoas voluntarias escavando o castro a pesar de que na descrición dos traballos desenvolvidos non se fai mención ao movemento de terra por parte destas persoas.

Algo similar ocorre no Castro de San Lourenzo na Pobra do Brollón onde "alegando que se fan actividades desenvolvidas baixo o paraugas da 'arqueoloxía en comunidade', a realidade é que se desenvolven actividades arqueolóxicas incumprindo o convenio e divulgando tal incumprimento da normativa laboral".

O sector da CIG lembra que o voluntariado dentro da actividade profesional de Arqueoloxía está regulado no artigo 35 do convenio colectivo e por iso reclaman á Xunta de Galiza que cumpra e faga cumprir a normativa laboral e respecte a profesionalidade que requiren este tipo de traballos.