A Xunta de Galiza non responde ás solicitudes de diálogo do persoal do 112

A folga chega aos 57 días ás portas do verán, cando o volume de emerxencias se dispara
Nacional - 12 Xun 2017

A 10 días de que o comité de folga do 112 teña solicitado formalmente unha reunión coa Dirección xeral de Emerxencias e Interior, a Xunta de Galiza aínda non tivo a ben dar unha resposta. O pasado 2 de xuño representantes do cadro de persoal do servizo de emerxencias entregaron no Rexistro da Xunta un requirimento para que a Administración autonómica abrise unha vía de interlocución cos traballadores/as “co obxectivo de pechar o conflito o antes posible” para que “calquera acordo sexa firme e duradeiro”.

O Comité de Folga considera que esta demora inxustificada na resposta entra en contradición coas declaracións reiteradas por parte do director xeral Luís Menor, que ten asegurado estar disposto a mediar para a resolución da folga. “Dá a sensación de que a Xunta está interesada en prolongar unha situación dramática que podería usar como pretexto para se xustificar perante o cada vez máis probable risco de que o 112 se vexa incapacitado para dar resposta a emerxencias de grande calado, tal e como ten acontecido no naufraxio do Nuevo Marcos ou en incontables casos en que os retrasos na xestión e o caos provocado polo estado da plataforma tecnolóxica teñen demorado ou dificultado a coordinación de recursos en situacións urxentes”, advirten.

Conflito entre a Xunta e os traballadores/as do 112

As empresas concesionarias que obteñen a xestión da central de emerxencias deben cinguirse aos pregos de condicións establecidos polo ente autonómico. Por iso o Comité de Folga afirma que “calquera solución posible pasa porque a Xunta asuma as súas responsabilidades e se involucre na busca de solucións a un problema que eles mesmos crearon”.

Lembran que estamos nunha folga indefinida que cumpre hoxe 57 días, cuestión que se ve agravada coa chegada do verán, unha estación en que o volume de chamadas e emerxencias se dispara. Neste contexto consideran que “a actitude da Xunta de Galiza só pode entenderse como irresponsable e neglixente, ao non manifestar compromiso algún en pechar un conflito que está afectando gravemente ao cadro de persoal, ao propio servizo e, inevitablemente, á sociedade galega”.

Mobilizacións

Xunto a isto, o Comité de Folga manifesta a súa disposición para incrementar “a intensidade da nosa acción”, prolongar as mobilizacións o tempo que sexa preciso e activar todos os medios necesarios ao seu alcance para facer ouvir a súa voz e avanzar cara os seus obxectivos. “Non imos consentir que o traslado caprichoso da central do 112 supoña unha merma no noso poder adquisitivo”, afirman.

Advirten ademais de que “calquera tipo de traxedia ou neglixencia derivada do caos provocado no 112 ten un claro e único responsable: un goberno autonómico temerario e prepotente que pon enriba da calidade do servizo intereses políticos e empresariais propiciando que a xestión se vexa gravemente afectada desde o traslado da central á Estrada”.